Lembrando a don José Luis Portela Trigo
Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos
Na mañá deste martes, 7 de abril de 2026, unha persoa veciña fíxonos partícipes do pasamento do reverendo don José Luis Portela Trigo.
Don José Luis, como era coñecido por todo o mundo, nacera no verán de 1942 en Netos (Salcidos), no concello de A Guarda.
O 29 de xuño de 1969, solemnidade de San Pedro e San Pablo, foi ordenado sacerdote na cidade de Vigo. Ás poucas semanas de recibir a ordenación foi nomeado ecónomo das parroquias de San Campio de Figueiró e Santiago de Estás. Un ano máis tarde faríase cargo tamén de San Pedro de Forcadela. Ao longo de máis de 55 anos D. José Luis, dedicou con magnanimidade a súa vida sacerdotal a cargo destas parroquias. Anos máis tarde – en xaneiro de 2022- foi nomeado administrador parroquial de San Vicente de Barrantes e Santa María de Pinzás.
Ao longo do seu ministerio sacerdotal moitas e diversas foron as encomendas pastorais que D. José Luis afrontou con entusiasmo e alegría: profesor de relixión, párroco, ecónomo diocesano, arcipreste, cóengo fabriqueiro da Santa Iglesia Catedral de Santa María de Tui,...
Entre todo a diversidade de labores realizadas, temos que destacar o seu servizo á curia diocesana ao longo de 40 anos. 30 destes 40 anos “no Paraíso de Teis” como el adoitaba chamar ás oficinas do bispado situado na rúa Dr. Corbal, de Vigo. Na Curia e na diocese D. José Luis será lembrado con admiración e gratitude, entre moitas outras cousas, por confeccionar o Catálogo de Bens Inmobles e posteriormente o de Mobles da diocese Tui-Vigo.
Traballo ímprobo que comezou en decembro de 1978 e levoulle a percorrer durante máis de 20 meses, cada recuncho da diocese para confeccionar o primeiro Catálogo diocesano de Bens e Inmobles de Galicia. Isto supúxolle xornadas maratonianas de moito coche, pouca comida e escaso sono para que despois de 96.200 kms -máis de dúas veces a circunferencia da Terra- a diocese tivese situadas, ordenadas e catalogadas as súas propiedades.
D. José Luis alén dun traballador nato, foi «un obreiro entregado na viña do Señor». E se ben é certo que os Bens Inmobles da Diocese son importantes, as almas sono moito máis.
Así o testemuña o desvelo polas súas parroquias e a atención ao Santuario de San Campio de Lonxe. Un recinto único e singular, ao cal as persoas se achegan «para buscar a paz da alma, a axuda do ceo e a escoita do confesor» como sempre adoitaba repetir D. José Luis.
Por moitos motivos - entre eles por haber nacido na mesma parroquia que el - coñecía a don José Luis e a súa familia.
Ao longo da miña andaina vital tiven varias ocasións nas que conversei con don José Luis, apreciando na súa personalidade unha serie de valores que non é frecuente atopar en moitos seres humanos. Poderiamos citar varios exemplos e probablemente quedaríamos curtos, mais en todo caso, ao igual que moitas persoas que o trataron, ben como fregueses seus, ben como amigos, veciños, ou coñecidos, don José Luis era un ser humano activo e servicial.
Do seu labor dan boa fe os seus fregueses, pois era párroco de San Martín e San Campio de Figueiró; de Santiago de Estás, e de San Pedro, de Forcadela.
Sit ei terra levis.

Ningún comentario:
Publicar un comentario