6 de abr. de 2026

A GUARDA

Confraría da Guarda e Ormaluga lamentamos un novo accidente na costa guardesa 


Zona do accidente da embarcación Calano que envorcou, quedando coa quilla ao sol
A embarcación Calano foi remolcada ata o porto da Guarda por un pesqueiro

A embarcación Calano ao carón do peirao


Nacho Carballal Miñán* / A Guarda

 A Confraría de Pescadores da Guarda e a Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica queremos expresar a nosa fonda preocupación por un novo accidente rexistrado na costa guardesa, tras o sinistro sufrido na mañá de onte pola embarcación Calano, nun dos treitos máis complexos e perigosos do litoral galego. 

 O esencial é que os dous tripulantes puideron ser rescatados e atópanse fóra de perigo. Queremos trasladar o noso agradecemento a todos os medios de rescate e profesionais que interviron neste operativo. Situacións coma esta fan que nos deamos conta da importancia de contar con servizos públicos fortes e preparados para atender situacións de emerxencia. Máis moi especialmente, queremos pór en valor a solidaridade e coraxe dos propios profesionais do mar que, á súa conta e risco, se botaron ao mar para auxiliar aos mariñeiros accidentados, participando activamente tanto no rescate como nas manobras de recuperación da embarcación, que xa se atopa en porto. 

 Este novo accidente volve poñer enriba da mesa unha realidade que vai máis alá dun feito puntual. A costa da Guarda presenta unhas condicións especialmente adversas, cunha exposición directa ao Atlántico que se ve agravada polos episodios de mala mar, cada vez máis frecuentes e intensos. Este inicio de 2026 caracterizouse por unhas condicións meteorolóxicas especialmente duras, que golpearon moi fortemente ás preto de 100 familias que formamos parte do sector da pesca artesanal na Guarda. 

 Porén, máis alá da perigosidade natural, existe un factor determinante que agrava esta situación: o noso afastamento xeográfico dos medios de rescate. A combinación de mar aberto, correntes e afastamento dos puntos de intervención implica que, en moitas ocasións, os primeiros en actuar sexan outros profesionais do mar, como aconteceu novamente no caso do Calano. Este accidente vense a sumar a moitos outros que o preceden e debería levarnos tanto ao propio sector como ás administracións implicadas a un debate serio en torno a aspectos como: 

A desigualdade de risco entre zonas abrigadas e zonas abertas como A Guarda. 

A relación directa entre exposición, sinistralidade e tempos de resposta. 

A necesidade de reforzar e descentralizar os medios de salvamento, achegándoos a puntos especialmente vulnerables do litoral.  

 Pasado este susto, que estremeceu a toda a vila da Guarda, a Confraría seguirá a reivindicar unha modificación profunda na política pesqueira da Xunta de Galicia, especialmente no referente á pesca artesanal, onde se require unha maior adaptación á realidade de cada zona pesqueira, un diálogo constante co sector e unha política con altura de miras que permita abordar os retos dun cambio climático que cada vez nos golpea de forma máis directa.  

 Finalmente, queremos agradecer as múltiples mostras de apoio recibidas e trasladar todo o noso ánimo aos compañeiros afectados e ás súas familias, desexándolles unha pronta e completa recuperación.

Vicepatrón segundo da Confraría de Pescadores Santa Tecla, e presidente da Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica (Ormaluga)

Ningún comentario:

Publicar un comentario