4 de set. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés prepárase para o derbi da Supercopa de Galicia 

Este domingo, o Mecalia pechará os amigables de pretempada co tradicional derbi ante o Porriño da final da Supercopa de Galicia feminina (19:00 horas, Fontecarmoa) 

O equipo participou este xoves na presentación do evento na Antiga Praza da Peixería de Vilagarcía de Arousa, xunto cos demais competidores na Supercopa masculina e na Copa Galicia 

O acto tamén contou coas intervencións de autoridades representantes do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Balonmán 


Presentación da final da Supercopa de Galicia feminina de balonmán
Fotos: M.A.G.


Redacción Deportes / Vilagarcía de Arousa

 O Mecalia Atlético Guardés prepárase para o tradicional derbi anual da súa pretempada. Este domingo, 7 de setembro, ás 19.00 horas, as de Ana Seabra mediranse ao Conservas Orbe Zendal BM Porriño na final da Supercopa de Galicia feminina, nun partido que servirá de colofón a toda unha xornada festiva para o mellor balonmán galego celebrada no polideportivo Fontecarmoa, de Vilagarcía de Arousa. 

 O evento, que incluirá tamén as finais da Supercopa masculina e da Copa Galicia, presentouse este xoves ao mediodía na Antiga Praza da Peixería do municipio arousán nun acto dirixido pola Federación Galega de Balonmán e que contou coas intervencións do seu presidente, Bruno López; da Directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda; do Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; e do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. 

 No acto detallouse o desenvolvemento da xornada, que comezará ás 11.00 horas para acoller as finais feminina e masculina da Copa de Galicia, e retomarase en horario de tarde a partir das 17.00 para as contendas pola Supercopa masculina e feminina. Tamén se deu voz aos protagonistas, entre os que se atopaban deportistas e membros directivos de tódolos clubs participantes: Mecalia Atlético Guardés, S.D. Teucro, Club Cisne Balonmán, Club Balonmán Porriño, Valinox Novás, Balonmán Cañiza, A.D. Carballal e Balonmán Arousa, que exercía de anfitrión. 

 Pola parte guardesa tivo a palabra a súa adestradora, Ana Seabra. A preparadora declarou que a final da Supercopa “vai ser un partido no que queremos competir, porque é un título moi importante para nós, principalmente e xa que a temporada xa comezou, para buscar máis sensacións, seguir traballando en equipo e conectarnos mellor”. Para  a técnica, este amigable é una oportunidade para competir cun rival directo de Liga e un equipo de moi alto nivel, pero sobre todo, as súas contribuirán para que sexa “un evento bonito e de balonmán de calidade”. 

 Ademais de Seabra, estiveron tamén presentes representando ao Mecalia Atlético Guardés as xogadoras do seu cadro de persoal; Willian Ferrari e Iván Vázquez, segundo adestrador e preparador físico do seu corpo técnico, respectivamente; e Patricia Vicente, vogal da xunta directiva. 

 Tal como informou este mércores a Federación nas súas redes sociais, as entradas para este domingo están xa dispoñible a través da plataforma Cluber a un prezo de 8 euros máis gastos de xestión que dá acceso aos catro partidos. O mesmo día, na taquilla, poderán obterse a 10 euros.  

AXENDA 

Final Supercopa de Galicia 

Conservas Orbe Zendal BM Porriño – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 7 de setembro | 19:00 horas | Complexo deportivo Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa)  

Retransmisión pola canle de YouTube da Federación Galega de Balonmán: 

https://www.youtube.com/live/_TGF7eH6ZMg

Ningún comentario:

Publicar un comentario