8 de abr. de 2026

O ROSAL

A Deputación aprobará este venres unha axuda de 115.000 euros para a reparación da pista de atletismo do campo da Mata, no Rosal 

 O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero visitou a instalación, onde se investirán recursos que ten dispoñibles o concello no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas 


O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero con José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Deportes, Educación e Turismo, no Concello do Rosal, nun momento da visita as instalacións do campo municipal da Mata

Foto: D.PO.

Infogauda / O Rosal

 O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero anunciou este mércores no Rosal que a Deputación de Pontevedra aprobará o próximo venres, na Xunta de Goberno, unha achega de 115.000 euros ao concello para a reparación da pista de atletismo e a substitución do material de cubrición no campo municipal da Mata, unha obra que ten un orzamento total de 187.000 €. Trátanse de recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.  

 Roberto José Álvarez Carrero detallou os traballos que se realizarán con estes recursos, que consisten na reparación da pista de atletismo, aproveitando ao máximo o espazo do que se dispón e realizando unha reconfiguración da mesma, de tal maneira que contará con cinco carrís na recta principal e tres ou catro no resto, rodeando o campo de fútbol actual. Ademais, realizarase a formación de dous fosos para salto de lonxitude e triplo salto e prepararase unha zona de lanzamento de peso. O obxectivo é empregar a pista para o uso recreativo, formativo e de adestramento. O proxecto tamén contempla a substitución do material de cubrición da cuberta das gradas e dos paneis verticais de protección das mesmas. Ademais procederase á substitución dos elementos de evacuación de augas pluviais  

 “O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Roberto José Álvarez Carrero, que lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario