4 de set. de 2025

O ROSAL

O Rosal continúa coa renovación dos seus camiños para facilitar a mobilidade no rural   

 O Concello licita a adecuación dos camiños das Carballas e da Gandarela financiado ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025 

  

O Concello continúa a apostar pola modernización e mantemento dos camiños rosaleiros
Foto: C.O.R.

 Infogauda / O Rosal 

 O Concello continúa a apostar pola modernización e mantemento dos camiños rosaleiros, claves para garantir a mobilidade nas parroquias e no rural. Nesta liña, acaba de sacar a licitación a rehabilitación dos camiños das Carballas e da Gandarela, que contará cun investimento próximo aos 60.000 euros financiado con fondos propios do Concello e do Plan Camiña Rural 2025 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). As propostas poderán presentarse ata o 17 de setembro. 

 O camiño das Carballas conecta o núcleo do Calvario con Viso dos Eidos, mentres que o camiño da Gandarela une a Estrada de Santa Ana coa da Morraceira. Ambos contan cun elevado tráfico de vehículos agrícolas e serven de acceso a numerosas fincas, pero actualmente presentan pavimento moi deteriorado e cunetas practicamente pechadas, o que limita a funcionalidade e a seguridade da vía. 

 As actuacións previstas inclúen a rehabilitación de firmes e pavimentos, tanto estruturais, para aumentar a capacidade do firme existente, como superficiais, para conservar ou mellorar as súas características funcionais e a protección do conxunto. Estes traballos contan con autorización do Patrimonio Cultural e informes favorables do Servizo de Infraestruturas e Vías da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega de Infraestruturas, garantindo a seguridade da intervención. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “estes proxectos son unha mostra do noso compromiso coa veciñanza e cunha mellora progresiva e continuada da rede de camiños municipais, uns traballos que executamos grazas a actuacións planificadas ao abeiro do Plan de mellora dos camiños municipais”. 

 Nos últimos dous anos, o Concello renovou máis de 35.000 metros cadrados de camiños rurais, cun investimento total de arredor de 730.000 euros, reforzando a súa folla de ruta cara a unha mobilidade progresiva e segura en todas as parroquias rosaleiras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario