As traballadoras do SAF e de residencias abandonan os Concellos de Vigo, Lugo e Compostela tras oito horas de peche reivindicativo
• Reiteran que continuarán na loita até conseguir convenios colectivos que dignifiquen as condicións laborais e salariais
Infogauda / Vigo
O grupo de persoas traballadoras e delegadas sindicais da CIG nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e nas residencias de maiores e centros de día privados que permanecían pechados dende ás 11:30 horas nos Concellos de Vigo, Lugo e Santiago de Compostela acordou levantar a medida de presión tras manter o encerro durante oito horas. A decisión adoptouse ante as advertencias de seren desaloxadas no momento de cerrar o acceso público aos consistorios e tras seren recibidas polas Alcaldías de Lugo e Compostela.
Na xornada de hoxe, alén dos peches que se prolongaron até pasadas as sete da tarde, traballadoras da comarca da Ferrolterra e da Coruña fixeron concentracións diante da residencias de DomusVi de Ferrol e Emera (antiga Clece) de Bastiagueiro (Oleiros). Ademais, en Pontevedra a media tarde fíxose unha mobilización no Concello que rematou de maneira simultánea aos peches.
Con estas accións, explica o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, dáse continuidade ás folgas e mobilizacións que as traballadoras de residencias privadas e centros de día e dos Servizos de Axuda no Fogar veñen realizando dende hai máis dun ano para reclamar a dignificación das súas condicións laborais e salariais.
Neste senso, apunta que con estes peches búscase pór a atención tamén na responsabilidade dos Concellos, demandar a súa implicación activa no conflito e que intermedien diante das patronais, xa que son as administracións ás que a Xunta derivou a prestación da axuda no fogar e, na súa maioría, teñen externalizado o servizo con empresas privadas.
Lembra o responsábel sindical que os convenios colectivos de ambos sectores (de ámbito galego) están sen actualizar e contemplan táboas salariais que na maioría das categorías xa quedaron por debaixo do SMI, ademais de estabelecer condicións laborais e sociais de auténtica escravitude. No caso do SAF, para máis abundar, o persoal continúa sen contar cun protocolo de medidas de prevención e actuación ante situacións de violencia, cando xa pasaron máis de catro meses despois do asasinato da compañeira Teresa, no Porriño.
Alján acusa as patronais de ter secuestrada a negociación colectiva, condenando as traballadoras á precariedade e a pobreza, cun convenio caducado en residencias privadas dende 2023 e cun convenio de SAF totalmente desfasado que está sen actualizar dende ao ano 2012. Reitera que a CIG continuará a loitar e a realizar todas cantas xestións e accións sexan precisas até conseguir que as patronais senten na mesa de negociación e que o fagan cunhas propostas decentes para ambos convenios.
Mais tamén denuncia a “complicidade” da conselleira de Política Social, Fabiola García, con esta situación, pois “a pesar de que a Xunta é a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes négase a atender as xustas demandas sociais”.
O secretario nacional da CIG-Servizos incide en que os coidados son un sector altamente feminizado, precarizado e que sofre unhas elevadísimas taxas de parcialidade, o que se traduce en salarios de miseria por realizar un traballo esencial como é a atención ás persoas. “A responsabilidade deste servizo que se paga con cartos públicos é da Xunta, que deixa en mans de empresas privadas a súa prestación, sen importarlle nin as condicións laborais nin a calidade da atención que se ofrece ás persoas usuarias”, denuncia.
Fronte a isto, a CIG “continuará esixindo que se escoite ás traballadoras, que se melloren as súas condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario