3 de dec. de 2025

A GUARDA

A Deputación afonda na Guarda na xestión integral do río Miño como recurso compartido para as empresas turísticas 

  Na sesión analizáronse os proxectos actuais e as oportunidades para dinamizar o turismo de forma responsable e coordinada na fronteira


Na sesión, que foi inaugurada polo alcalde da Guarda e deputado provincial, Roberto José Álvarez Carrero, e a directora de Turismo, Romina Fernández, reflexionouse sobre a xestión integral do río
Foto: D.P.

Infogauda / A Guarda

 A Deputación de Pontevedra desenvolveu na Guarda a xornada “Retos compartidos arredor do Miño Náutico” no marco do proxecto VISIT RIO MINHO PLUS, cofinanciado nun 75% polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2021-2027. Na sesión, que foi inaugurada polo alcalde da Guarda e deputado provincial, Roberto José Álvarez Carrero, e a directora de Turismo, Romina Fernández, reflexionouse sobre a xestión integral do río como recurso compartido e analizáronse os proxectos actuais e as oportunidades para dinamizar o turismo de forma responsable e coordinada na fronteira.  

 Ao longo da xornada, integrada no ciclo de dinamización “Conexión Miño/Minho”, que propón un espazo de encontro estratéxico e especializado dirixido a profesionais do sector turístico, afondouse na Estratexia do Rio Minho Transfronteirizo 2030 marcada pola AECT Rio Minho e na sostibilidade como vantaxe competitiva para Galicia e o Norte de Portugal. Ademais, percorréronse os eixos temáticos máis relevantes da colaboración transfronteiriza, entre os que se atopan a xestión do enoturismo, o patrimonio, a paisaxe rural e o futuro do río Miño.  

 O territorio transfronteirizo que debuxa o río Miño no seu último traxecto cara ao mar posúe un gran potencial turístico, cun rico patrimonio cultural e natural compartido entre Galicia e Portugal. Neste eido a xornada, ademais de debater os retos comúns, tamén tiña por obxectivo forxar unha rede de colaboración transfronteiriza na procura da singularidade, das claves para o desenvolvemento do territorio e do impulso de  estratexias concretas que permitan transformar a oferta turística deste territorio nun destino global e diferenciado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario