SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación para instar o Sergas a “reconstruír” a área sanitaria de Vigo
• A marcha terá lugar este xoves, día 4 dende a Praza dos Cabalos ás 19:00h
A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo chama a cidadanía a participar na manifestación convocada este xoves, 4 de decembro, dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas para reclamar a “reconstrución” da área sanitaria ante a crise da Atención Primaria e a problemática do ámbito hospitalario.
Reconstrución
O conxunto da área sanitaria atópase nunha situación de crise. Levamos tempo denunciando, e dende o ano pasado non houbo ningún cambio substancial que permita albiscar unha mínima esperanza de mellora, “senón máis ben todo o contrario: temos menos recursos en Atención Primaria, nomeadamente nos concellos da contorna, que están a quedar sen profesionais de medicina de familia e de pediatría; e as listas da agarda no ámbito hospitalario non deixan de medrar, a pesar da manipulación dos datos”.
Neste contexto, os orzamentos para 2026 que se presentaron no Parlamento “son máis do mesmo” e van supoñer un ano máis de crise sanitaria na área viguesa. “Por iso chamamos a cidadanía a mobilizarse para forzar a súa reconstrución; temos que reverter a situación do hospital Álvaro Cunqueiro e recuperalo para o ámbito público co obxectivo de dotalo dos recursos necesarios que permitan atender o 100% da poboación; temos que reforzar a Atención Primaria, especialmente nos concellos do rural, nos que está máis debilitada que nunca e nos que se ofrece unha calidade asistencial moi limitada por falta de recursos”.
Mais tamén é necesario “reconstruír” o conxunto da atención hospitalaria para rematar co feito de que unha parte da poboación estea asignada a un hospital privado como é Povisa, para que consideran imprescindíbel dotar a sanidade pública dos medios necesarios para poder facerse cargo da súa atención nun hospital 100% público. Neste senso, denuncian que aínda se están a padecer as consecuencias do proceso de licitación, construción e xestión do Álvaro Cunqueiro, “que foi a grande oportunidade perdida para esta área sanitaria”. E lembran que o propio Consello de Contas publicou un informe no que se cifra en 470 millóns de euros o sobrecusto da infraestrutura, “uns cartos que se puideron destinar a reforzar a sanidade pública, no canto de construír un hospital máis pequeno que non cubre as necesidades da cidadanía, ademais de manterse o negocio dunha sanidade privada que non deixa de incrementar os seus beneficios”. Por iso entenden que todo isto non pode quedar impune e que a sociedade ten que seguir a denunciar este modelo de xestión e a reclamar a mellora da área sanitaria.
E inciden en que as consecuencias destas políticas son a falta de pediatría nos centros de saúde, a escaseza de profesionais de medicina de familia e as dificultades en enfermaría para atender os pacientes crónicos e para garantir unha atención domiciliaria de calidade. Tamén se rexistran dificultades de acceso aos centros de saúde porque as áreas sanitarias administrativas e o seu persoal están sobrecargadas e problemas para prestar servizo de fisioterapia, polo que se están a derivar pacientes á sanidade privada, cando temos persoal suficiente desta especialidade nas listas de contratación públicas. De igual xeito que é necesario reforzar a atención á saúde metal, xa que se trata dunha problemática emerxente na nosa calidade á que se lle podería dar resposta tamén dende a Atención Primaria incorporando a psicoloxía clínica.
Finalmente, demandan a potenciación de recursos de atención hospitalaria na zona urbana de Vigo mediante o Centro de Alta Resolución que estaba previsto, así como a construción doutro Centro de Alta Resolución na comarca do Morrazo que garanta unha atención próxima das necesidades hospitalarias da veciñanza. “Un centro que xa tiña ubicación e no que habería que incluír un PAC para atender Cangas e Moaña; pero mentres que isto non se produce reclamamos que se remate dunha vez o centro de saúde de Moaña e que se dote do PAC que foi trasladado a Cangas coa escusa da pandemia da covid”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario