1 de dec. de 2025

ENSINO

A CIG-Ensino convoca asembleas abertas para preparar a folga do 16 e 17 de decembro 

Terán lugar en Vigo, Cangas, Nigrán, O Porriño Redondela, Tomiño e Ponteareas pola tarde para facilitar a participación do profesorado 




 Infogauda / Pontevedra

 A CIG-Ensino da comarca de Vigo anuncia a convocatoria de asembleas abertas ao longo das dúas vindeiras semanas en múltiples centros de ensino no marco do proceso de preparación e organización das xornadas de folga do profesorado previstas para os días 16 e 17 de decembro, no que xa é o curso máis conflitivo nos últimos 40 anos. Os encontros terán lugar ás 18:30 horas para facilitar a participación do profesorado. 

 Estas asembleas, abertas a todo o profesorado, teñen como obxectivo informar, debater e fortalecer a resposta colectiva fronte ao deterioro continuado das condicións laborais no ensino público galego e ás políticas regresivas da Consellería de Educación. A central sindical, maioritaria no ensino público, levará ás asembleas unha análise completa da situación actual e insistirá na necesidade de manter o pulso mobilizador e de coordinar propostas de acción nos propios centros de ensino que permitan que as xornadas de folga teñan o máximo impacto social. 

 As asembleas terán lugar ás 18.30h nos seguintes días e lugares:  

o LUNS 1: Condado- Paradanta. IES VAL DO TEA 

o MÉRCORES 3: Val Miñor. IES ESCOLAS PROVAL 

o MÉRCORES 3: O Morrazo. IES DE RODEIRA 

o XOVES 4: Baixo Miño. IES ANTÓN ALONSO RÍOS 

o MÉRCORES 10: Vigo. IES POLITÉCNICO 

o XOVES 11: O Porriño. IES RIBEIRA DO LOURO 

o XOVES 11: Redondela. IES PEDRO FLORIANI 

Mobilizacións previstas para os días 16 e 17 de decembro

 O martes 16 de decembro as organizacións convocantes das folgas propoñen a implicación activa de todo o profesorado galego, coa colaboración das familias alí onde sexa posíbel, para organizar marchas fúnebres entre centros educativos de diversas localidades galegas portando candeas, crespóns negros e outra simboloxía mortuoria. O obxectivo desta acción é socializar a nivel local o conflito laboral docente que se vive en Galiza este curso e que nos centros se visibilice o número de profesorado recortado nos últimos cursos, o número de alumnado con necesidades sen atender, a redución de servizos e de calidade educativa. 

 O mércores 17 prevese unha manifestación con saída ás 11.30 horas do Parlamento de Galiza e que atravesará Compostela simulando o enterro simbólico do ensino público galego, após a aprobación -se non hai modificación ate esta data- dos Orzamentos da Xunta de Galiza, para o que tamén se solicita que as persoas asistentes vistan de negro e porten cartelaría, pancartas e elementos fúnebres. 

 A CIG-Ensino subliña que esta folga non é só unha reivindicación laboral, senón unha defensa da calidade do ensino público, da dignidade profesional do profesorado e do dereito do alumnado a recibir unha atención educativa de calidade por iso, piden tamén a implicación activa das ANPA.  

 Do que se trata, afirman desde o sindicato, é de “simbolizar diante de toda a sociedade galega que o ensino público está en loito pola falta de medios e recursos pero que non se resigna ante esta situación e que se mantén en loita, cunha resistencia e fortaleza exemplar como os cinco días de folga docente en apenas catro meses de curso, algo insólito desde os anos 80”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario