28 de dec. de 2025

TOMIÑO

Tomiño capta 400.000€ de fondos europeos para impulsar o Parque Agroindustrial  

  O Concello desenvolverá xunto a Vila Nova de Cerveira e a Universidade de Vigo un proxecto para consolidar un polo agroindustrial na Eurocidade Cerveira-Tomiño

  

Sandra González, alcaldesa de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño capta de novo arredor de  400.000 euros de fondos europeos para poñer en marcha o proxecto Eurocidade Intelixente, unha iniciativa conxunta con Vila Nova de Cerveira e a Universidade de Vigo que permitirá dar impulso definitivo ao Parque Agroindustrial, actualmente en tramitación urbanística. O investimento total deste proxecto superará os 520.000 euros e servirá como aval para consolidar un verdadeiro polo industrial transfronteirizo. 

 O proxecto aposta pola especialización intelixente, a innovación e a sustentabilidade nos sectores agrícola e industrial, creando un ecosistema emprendedor máis competi-tivo e resiliente. Entre as accións previstas destacan a elaboración dunha Axenda Estratéxica de Especialización Intelixente e Transición Industrial, o diagrama do tecido empresarial e dos axentes clave da Eurocidade ou a formulación dun plan estratéxico conxunto para os próximos anos. 

 A alcaldesa, Sandra González, destacou o traballo de Tomiño, que “unha vez máis é pioneiro na captación de fondos europeos e que suma aos máis de 5 millóns de euros de fondos europeos que se executarán este 2026”. Solicitado xa o ano pasado, “o pro-xecto permitirá a dinamización e empurre definitivo ao Parque Agroindustrial, reforzan-do a economía local, xerando emprego e mellorando a calidade de vida da veciñanza. Unha boa nova que demostra que todo o esforzo que facemos dende o Concello para captar fondos europeos dá os seus froitos”, recalcou a rexedora. 

 O plan inclúe tamén accións de apoio ao emprendemento e á atracción de novas empresas ao Parque Agroindustrial Transfronteirizo, programas de incubación e aceleración de novas empresas, así como a implantación de tecnoloxías innovadoras como automatización, Internet das Cousas (IoT) e economía circular. A Universidade de Vigo colaborará no desenvolvemento de competencias para a especialización intelixente, formación técnica, alianzas estratéxicas e na creación dun Laboratorio de Innovación para a Sustentabilidade. 

 Con este proxecto financiado con fondos INTERREG VA POCTEP, Tomiño e Cerveira consolidan unha cooperación transfronteiriza que converte a Eurocidade nun motor de desenvolvemento económico, social e ambiental para toda a comarca, reafirmando a visión do Miño como un eixo de unión e progreso compartido. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario