28 de dec. de 2025

CULTURA

A Deputación de Pontevedra pon á venda a banda deseñada ‘Castelao en Pontevedra (1916-1936)’, de Miguel Pérez Ramudo 

   Trátase dun percorrido biográfico e artístico polos anos que o intelectual e artista viviu en Pontevedra e pode adquirirse desde este venres no Edificio Castelao, do Museo




Infogauda / Pontevedra

 Miguel Pérez Ramudo acaba de publicar a banda deseñada ‘Castelao en Pontevedra (1916-1936)’, editada por Almacén de Fábulas para o Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra, un percorrido biográfico e artístico polos vinte anos nos que o intelectual e artista viviu en Pontevedra. O cómic, de 64 páxinas e editado en tapa dura, pode adquirirse por 20 euros no Edifico Castelao, do Museo.  

 ‘Castelao en Pontevedra (1916-1936)’ estrutúrase como un diario no que o seu protagonista nos conduce polos momentos clave da súa vida a través da súa voz interior, coa participación activa dos intelectuais, artistas e pensadores que moldearon o ambiente cultural da época, como Cabanillas, Risco, Losada Diéguez e Bóveda, entre outros. Este entramado de figuras serve para contextualizar o impacto de Castelao e tamén para destacar o papel de toda unha xeración comprometida coa identidade e o patrimonio galegos.  

 Nese período comprendido entre 1916 e 1936, o cómic recolle momentos clave da biografía de Castelao, como a súa intervención na Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), a viaxe a Francia, Béxica e a Alemaña (1921), a morte do seu fillo (1928), a edición do álbum ‘Nós’ (1931), o desterro en Badajoz (1934) ou os acontecementos de 1936, coa súa eleción como deputado pola Fronte Popular, a campaña e aprobación do Estatuto de Galicia e o alzamento militar que dá inicio á Guerra Civil e provoca o seu exilio.  

 O libro inclúe un rico rexistro visual no que as viñetas recrean minuciosamente obras de Castelao e usan como fonte moitas fotografías da súa vida e un amplo abano de imaxes de arquivo: paisaxes rurais, rúas e prazas, carteis e escenas da vida cotiá.  

 Miguel Pérez Ramudo, natural de Cambados, é o ilustrador e guionista desta obra. Conta cunha notable experiencia na translación a viñetas da biografía de personalidades da cultura galega. No ano 2020 gañou o 1º premio Xuventude Crea na categoría de banda deseñada por ‘Joaquín Vaamonde (1871-1900). Unha promesa truncada da Xeración Doente’. Tamén é autor de ‘Ricardo Carvalho Calero. Unha biografía en viñetas’ (Lela Edicións, 2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario