A Deputación levará este martes a Arbo e a Baiona o circuíto +Escénicas con dous espectáculos infantís
“Galicia, cada día máis linda”, de Lalá Teatro, representarase na Biblioteca municipal de Arbo ás 17:00 horas, mentres que “Peque disco moc moc ad remember temazos 90-2000”, de Mere Clown, terá lugar na Praza do Concello de Baiona ás 19:00 horas
Infogauda / Arbo / Baiona
A Deputación de Pontevedra levará este martes 30 de decembro o circuíto +Escénicas aos concellos de Arbo coa obra “Galicia, cada día máis linda”, de Lalá Teatro, e Baiona co espectáculo “Peque disco moc moc ad remember temazos 90-2000”, de Mere Clown. Trátase de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Galicia, cada día máis linda” representarase ás 17:00 horas na Biblioteca municipal de Arbo. Neste espectáculo a música tradicional é o ingrediente principal, mediante lendas e contos que atraparán e farán cantar e bailar aos espectadores á vez que aprenden sobre Galicia. Esta proposta teatral, a través da tradición galega, amosa o valor do noso territorio, da nosa xente e da nosa cultura á vez que busca demostrar que o galego está máis vivo que nunca.
“Peque disco moc moc ad remember temazos 90-2000” terá lugar ás 19:00 horas na Praza do Concello de Baiona e combina música e circo. O baile e o humor serán os protagonistas nunha cita na que o DJ Mere Clown fará as delicias de nenos e maiores coa mellor música infantil, rock, hip hop ou techno. Todo isto irá acompañado dun equipo de iluminación disco, máquinas de fume, pompas de xabón, malabares con lume e luz, ademais doutras sorpresas.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.


Ningún comentario:
Publicar un comentario