3 de dec. de 2025

TOMIÑO

Tomiño prepárase para os obradoiros de Nadal máis creativos  

  O Concello organiza cinco talleres para infancia e mocidade de decoración, papiroflexia ou chapas, entre outros  

  Aberta xa a inscrición na web municipal  




Infogauda / Tomiño 

 Tomiño bule xa co Nadal. O Espazo Isaura Gómez e a Praza do Seixo serán nestas datas o epicentro do espírito festivos destas datas con actividades que convidan a transformar actividades sinxelas en grandes momentos compartidos. O Concello pon en marcha cinco obradoiros de Nadal dixiridos a infancia e mocidade, unhas propostas que combinan creatividade, aprendizaxe e diversión. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliña que estas actividades “son unha oportunidade fermosa para que a rapazada descubra habilidades novas e atope espazos seguros onde experimentar, crear e convivir. O Nadal é tamén unha maneira de fortalecer comunidade, e cada obradoiro é un pequeno fogar onde se constrúe esa conexión”. 

Cinco propostas 

 A programación comezará xa a mediados de decembro co obradoiro de decoración de Nadal  de Decoración de Nadal co que darlle a benvida a unha das épocas máis máxicas do ano aprendendo a facer adornos con moi pouco: papeis xeitosos, tesoiras, pegamento, lazos e imaxinación. Traballaranse técnicas sinxelas de corte, pregado e pegado para facer adornos, grilandas, candeeiros, caixas e sobres de Nadal. Será o sábado 13 de decembro de 11.30 a 13.30 h no Espazo Isaura Gómez con preferencia para persoas de 12 a 35 anos. Terá un custe de 10€ e prazas limitadas previa inscrición a través da web municipal. 

 Ese mesmo sábado 13 (de 16.30 a 18.30 h) tamén se celebrará o obradoiro de papiroflexia de Nadal, un lugar no que aprender a facer bonitas figuras para adornar a árbore ou decorar sobres e caixas partindo dunha simple folla de papel. Será tamén no Espazo Isaura Gómez cun custe de 10€, con preferencia para persoas de 12 a 35 anos e prazas limitadas previa inscrición na web.  

Xa en plena voráxine do Nadal chega o obradoiro de elaboración de xabóns no que as e os participantes coñecerán o proceso de saponificación e os beneficios dos diferentes aceites esenciais mentres crean xabóns ecolóxicos personalizados que poderán levar para casa. Dirixido a rapazada de 6 a 14 anos será no Espazo Isaura Gómez o luns 22 de decembro de 17.30 a 19.00 ou de 19.00 a 20.30 h. A actividade será de balde e haberá 15 prazas por quenda, polo que é necesaria inscrición previa.  

 O martes 23 de decembro chegará a quenda do obradoiro Nadal Máxico, un taller cheo de fantasía e un contacontos co que soñar en familia. Será ás 17.30 h na carpa da praza do Seixo para nenos e nenas a partir de 3 anos. A actividade será de balde con prazas limitadas, polo que hai que inscribirse para participar. 

 Pechará a programación o taller de elaboración de chapas de Nadal, un obradoiro creativo e divertido no que as e os participantes crearán as súas propias chapas para agasallar ou levar posto. Será o mércores 24 de decembro ás 17.30 h na carpa da praza do Seixo de balde e sen límite de prazas, polo que non é necesaria inscrición.  

 A rexedora lembra que “o éxito destes obradoiros de Nadal ano tras ano demostra que a cultura creativa é un motor social no noso concello” e animou a participar “e desfrutar do Nadal dun modo diferente”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario