6 de dec. de 2025

PONTEVEDRA

Acto institucional 

Losada vincula a Constitución cos 50 anos de liberdade en España: “É a anatomía de medio século cun instante no que houbo disparos ao teito” 

“Reivindico a obra de todos e cada un dos presidentes, desde Adolfo Suárez ata Pedro Sánchez, pasando por Calvo-Sotelo, Felipe González, José María Aznar, José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy” 

“Hoxe somos un país de valores que promove a paz, o multilateralismo e o respecto aos dereitos humanos: na ONU e en Eurovisión” 

A Subdelegación do Goberno instala unha placa en memoria de Gonzalo Acosta Pan, o gobernador civil da II República que foi fusilado na Caeira en setembro de 1936  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu o acto institucional polo Día da Constitución 
Fotos: S. do G.

Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu o acto institucional polo Día da Constitución no que se reivindicou a Carta Magna como a base dos 50 anos de España en liberdade, en liña co programa do Goberno de España para celebrar o noso medio século de convivencia. Un período de prosperidade sen equivalente na nosa historia e que o subdelegado puxo en valor definíndoo como “a anatomía de medio século que tivo un instante no que os nostálxicos dispararon ao teito do Congreso”. 


O subdelegado do Goberno descubriu, acompañado do director da fundación Luis Tilve, Guillerme Pérez Agulla, descubriu a placa conmemorativa en homenaxe ao que foi o último gobernador civil da II República, Gonzalo Acosta Pan, asasinado polos golpistas na Caeira


 Coa asistencia de autoridades civís e militares, o subdelegado do Goberno descubriu, acompañado do director da fundación Luis Tilve, Guillerme Pérez Agulla, a placa conmemorativa en homenaxe ao que foi o último gobernador civil da II República, Gonzalo Acosta Pan, asasinado polos golpistas na Caeira tras un fugaz consello de guerra cunha sentenza a matar de só dúas páxinas. “Gonzalo era un traballador de banca coruñés ao que mataron por demócrata”, resumiu Losada. 

 Na súa intervención subliñou que a democracia é “un paraugas que hai que reparar cada día, porque hai quen finxe que prefire a intemperie” e reivindicou os avances sociais da España democrática, “un país onde se pode querer sen medo: a unha persoa, a unhas ideas, a unha bandeira, a un autor antes prohibido ou a unha parte borrada durante 40 anos dos libros de historia”. 

 Criticou con dureza aos que elevan o ton dicindo que España é unha ditadura ou cualifican ao presidente do Goberno como un ditador. “Non só améntennos, senón que nos faltan ao respecto. E digo isto pedindo desculpas por anticipado, porque eu reivindico abertamente a obra todos os presidentes democráticos, desde Adolfo Suárez a Pedro Sánchez, pasando por Calvo-Sotelo, Felipe González, José María Aznar, José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy; todos igualmente lexítimos e valiosos, cos seus acertos e erros”. 

 Afirmou que temos a “enorme sorte” de vivir nun “parque temático de democracia nun mundo de motoserras, grosos rotuladores e deportacións masivas” e, por iso, reivindicou a Transición española como “un esforzo colectivo no que houbo moitas renuncias individuais para unha gran ganancia colectiva”. 

 Abel Losada repasou o crecemento económico do país, a evolución do emprego, a seguridade cidadá, a actualización das pensións, o liderado en quilómetros de vías de alta velocidade, autovías e despregamento da internet, os dereitos sociais, a loita contra a violencia de xénero, o apoio aos dependentes, as bolsas e a sanidade e a educación públicas. Pero puxo especial énfase no papel de España no concerto internacional para defender “a paz, o multilateralmismo e os dereitos humanos: na ONU e en Eurovisión”. 

 Concluíu que en tempos de youtubers, tuiteros e tiktokers que difunden bulos a diario, toca defender a verdade e as ideas, reivindicar os pactos de Estado  e recuperar o espírito dos pais fundadores da Constitución “porque é moito máis o que nos une que o que nos separa”. 

 O acto da Subdelegación contou coa participación do grupo musical “Raúl y Cia” que interpretou un tema propio, composto para a ocasión, titulado “Libertad innegociable”, e “Para la Libertad, a adaptación musical de Joan Manuel Serrat dun poema de Miguel Hernández. Tamén participou a banda de música da Escola Naval, que amenizou a chegada e pechou o acto co himno español. 

 Abel Losada agradeceu a colaboración neste acto do Comisionado de España en Liberdade, 50 anos. A comisionada, Carmina Gustrán, afirmou que “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país. España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e achegue a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario