5 de dec. de 2025

GOIÁN (TOMIÑO)

A Xunta de Galicia dá luz verde ambiental a un proxecto para a instalación dunha planta de agrocompostaxe no concello de Tomiño 

  A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada  

•  O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento da iniciativa


Infogauda / Tomiño

 A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a construción dunha planta de agrocompostaxe no concello pontevedrés de Tomiño para o tratamento tanto dos residuos orgánicos procedentes da actividade vitícola como de biorresiduos domésticos dos concellos da contorna. O compost resultante usarase como abono orgánico para os viñedos.  

 Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.  

 Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que se someteu a consultas dun total de dez organismos interesados.  

 Froito desas consultas, distintas entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.  

 Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e dos leitos fluviais; da fauna e vexetación e outros valores naturais; do patrimonio cultural; do solo e das infraestruturas; a integración paisaxística e restauración ou a xestión de residuos, entre outros.  

 Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.  

Características do proxecto 

 A planta, promovida pola empresa Viñas e Terras do Pazo SL, localizarase no lugar de Fachas, na parroquia de Goián, ocupando cinco parcelas que suman unha superficie de algo máis de 7.800 metros cadrados. A actividade centrarase na compostaxe dos residuos orgánicos xerados nos terreos do promotor e procedentes fundamentalmente da poda dos viñedos. Xunto con estes residuos que xera a propia empresa compostaranse outros de orixe doméstica e de concellos da contorna, así como os bagazos resultantes do procesado da uva propia da adega promotora.  

 A previsión é que recollida de residuos domésticos municipais chegue a un radio de 30 quilómetros, polo que os potenciais subministradores serán os concellos de Gondomar, Tui, O Rosal, Baiona, A Guarda, Nigrán, O Porriño, Salceda de Caselas e Oia.  

 As instalacións estarán conformadas por unha nave rectangular dunha única planta e con 680 metros cadrados de superficie que contará con tres silos de maduración formados por muros de formigón. Nesta liña, terá sete pilas de fermentación e, perimetralmente a elas, unha biotrituradora e un volteadora. A nave estará totalmente aberta, exceptuando a fachada norte e parte da oeste, mentres que a zona de almacenamento dos subprodutos orgánicos realizarase na soleira exterior.  

 O promotor prevé tratar anualmente máis de 400 toneladas de residuos -máis de 236 toneladas de residuos de recollida municipal, arredor de 118 toneladas de residuos propios sen podas e 59 toneladas de podas propias- e xerar máis de 282 toneladas de compost ao ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario