Denunciamos a vandalización dun mural autorizado
Baixo Miño con Palestina / O Rosal
O colectivo Baixo Miño con Palestina informa de que durante o mes de novembro foi elaborado un mural fronte ao Centro de Saúde do Rosal, un espazo cedido polo Concello para desenvolver un traballo artístico e colectivo en solidariedade co pobo palestino. Tristemente, na xornada do 4 de decembro, o mural foi vandalizado, nun ataque lamentable que reflicte as formas ridículas e covardes do sionismo fronte á solidariedade.
Este mural por Palestina simboliza moitas cousas: un pobo que resiste, dende o río ata o mar; as sandías e papoulas que aínda crecen, malia o xenocidio que non cesa; as chaves dos fogares aos que retornarán un día millóns de persoas refuxiadas palestinas espalladas polo planeta,... O deseño, da artista rosaleira Sara Vicente Alonso, está cargado de significado, detalle e coidado.
Agradecemos a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta obra colectiva: ao Concello do Rosal pola cesión do espazo; a Dani Martínez pola doazón de materiais e o seu asesoramento artístico; a Sara Vicente Alonso polo seu fermoso deseño; e a todas as persoas que vos fostes implicando neste proceso co voso tempo, traballo e solidariedade.
Ademais, anunciamos que o vindeiro 23 de decembro inauguraremos oficialmente o mural, nun acto no que contaremos coa presenza dun veciño da comarca que participou recentemente na Flotilla da Liberdade. Convidamos a toda a veciñanza a acompañarnos, a sumarse á solidariedade co pobo palestino e a deixar só a quen escolle o odio fronte á loita pola vida e a resistencia. Dende o río ata o mar, Palestina libre sempre.

Ningún comentario:
Publicar un comentario