Concello e Deputación reactivan a transformación da estrada de Santa Ana
• A alcaldesa mantivo un encontro coa deputada de Infraestruturas para afondar nesta obra estratéxica que permitirá conectar o núcleo urbano do Calvario coas parroquias de xeito seguro para a veciñanza
Infogauda / O Rosal
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, reuniuse coa deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro Anta, para impulsar a execución da nova senda na estrada provincial EP-3302 ata Santa Ana. Unha actuación estratéxica moi demandada pola veciñanza que permitirá conectar o núcleo urbano do Calvario con Santa Ana, unha estrada con alta densidade de tráfico e moi transitada a pé e en bicicleta por rosaleiros e rosaleiras e que hoxe carece das medidas de seguridade necesarias.
Será unha actuación que continuará o modelo implantado na senda Tabagón-As Eiras, convertida xa en referencia de mobilidade segura no municipio. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou que se trata dun proxecto “totalmente prioritario e froito dun consenso social amplísimo, porque permitirá conectar o centro con gran parte dos barrios do Rosal e transformar de maneira profunda a mobilidade diaria das persoas”. Engadiu tamén que “o noso obxectivo é traballar intensamente e man a man coa Deputación para que este camiño sexa unha realidade”.
A senda da estrada de Santa Ana, con 500 metros de lonxitude, será a primeira fase deste proxecto, que podería contar cunha segunda fase que prolongaría a senda pola estrada da Barrosa. A Deputación comprometeuse a iniciar os trámites necesarios para actualizar o proxecto xa redactado e botar a andar esta iniciativa, así como a traballar na súa cofinanciación, que contará tamén con fondos propios do Concello.
“Estamos diante da actuación máis relevante que queda pendente no Rosal por parte da Deputación tras finalizar a senda entre Tabagón e As Eiras. Falamos dunha obra estratéxica, necesaria e demandada, que mellorará a seguridade e conectividade de moitas persoas cada día”, destacou a rexedora.
O Goberno municipal avanza así un paso máis no seu modelo de mobilidade amable, segura e conectada. Un camiño que, moi pronto, deixará de ser só unha aspiración para converterse nunha realidade palpable de progreso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario