O Pavillón Municipal do Rosal xa leva o nome de Javi Díaz, lenda do balonmán galego
• Concello e Atlético Novás homenaxearon ao histórico porteiro rosaleiro, referente para xeracións da canteira
Infogauda / O Rosal
A forza dunha traxectoria enche as bancadas e transfórmase en historia. O Pavillón Municipal do Rosal xa leva o nome de Javi Díaz, unha das grandes referencias do balonmán galego con máis de 600 partidos na Asobal e unha vida deportiva construída con paixón, traballo e unha férrea disciplina. Concello e Atlético Novás homenaxearon ao histórico porteiro rosaleiro nun acto que non só honrou unha carreira extraordinaria, senón que tamén celebrou o seu papel como espello no que poderán seguir mirándose xeracións de xogadoras e xogadores da canteira rosaleira.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “Javi Díaz é un orgullo para todo O Rosal e un referente indiscutible do noso deporte”. O acto, celebrado xunto á súa familia, amizades, representantes do Goberno municipal e do Atlético Novás e numerosa veciñanza, fixo realidade a proposta aprobada por unanimidade no Pleno do 2 de outubro de 2025. Nel entregouse ao deportista unha figuriña conmemorativa, símbolo do respecto e do cariño colectivo, e descubriuse unha placa exterior co novo nome do pavillón, que lucirá con aínda máis protagonismo na reforma integral prevista para os próximos meses.
“É un xesto que recoñece unha traxectoria edificada con sacrificio e convicción e que queremos compartir coa súa familia, que sempre estivo ao seu lado. Grazas, Javi, por ser exemplo e guía; grazas por ser inspiración e por representar do mellor xeito posible o balonmán e o deporte do noso concello”, recalcou a rexedora.
Con este acto emotivo e simbólico, O Rosal celebrou non só o pasado e presente dun dos seus deportistas máis extraordinarios, senón tamén o futuro de todas as nenas e nenos que, ao cruzar as portas do Pavillón Municipal Javi Díaz, sentirán que a súa historia tamén pode ser posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario