A XUNTA DE GALICIA ACHEGA MÁIS DE 140.000 € PARA AMPLIAR O ESPAZO EXPOSITIVO DEDICADO A ANTONIO PALACIOS NO PORRIÑO
• O Consello dá luz verde a este investimento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para acondicionar un novo local, anexo ao xa existente sobre o arquitecto
• O departamento de Cultura do Goberno galego e o Concello asinan un convenio para que conte co equipamento necesario de cara a unha futura musealización conxunta
• A iniciativa responde ao compromiso do Executivo autonómico coa dotación das mellores infraestruturas culturais en todo o territorio ao servizo da cidadanía
Infogauda / O Porriño
A Xunta de Galicia achegará máis de 140.000 € para a ampliación do espazo expositivo existente no Porriño dedicado ao afamado arquitecto Antonio Palacios. Así se acordou hoxe no Consello do Goberno galego, no cal se lle deu o visto e prace ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e este concello pontevedrés, do que era orixinario e no cal existen numerosas obras da autoría dun dos urbanistas máis prestixiosos do século pasado.
Cómpre lembrar que o Concello do Porriño xa conta na actualidade cunha sala de exposicións de Antonio Palacios, situada na rúa do mesmo nome ca o arquitecto. Este local está dedicado a pór en valor a súa figura e os proxectos, un tarefa para a que se ten detectado a necesidade de contar con máis espazo. Consecuentemente, decidiuse unha ampliación ao local contiguo, que é preciso acondicionar e dotar de equipamento axeitado.
Con esta intención, e de cara á unha posible futura musealización conxunta dos dous espazos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colaborará con máis de 140.000 € que se destinarán, entre outras obras, a actuar na fachada acristalada e traseira, a illamentos, pavimentos, climatización, iluminación e instalación eléctrica, ademais da ampliación da zona elevada para a colocación da maqueta do coñecido Plan para Vigo de Antonio Palacios.
Segundo o convenio, o departamento de Cultura destinará un total de 3.630 euros na anualidade de 2025 dirixidos á redacción do proxecto e dirección de obra, mentres que os 136.935 restantes, orzamentados para o 2026, irán dirixidos a levar a cabo as actuacións para o acondicionamento do local.
A iniciativa responde ao compromiso que mantén a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con dotar o territorio coas mellores infraestruturas culturais colaborando coas distintas administracións, especialmente as locais, e investindo en proxectos que poñen os recursos máis axeitados neste eido ao servizo da cidadanía.

Ningún comentario:
Publicar un comentario