AMEI TUI impulsa o proxecto “Redes de Igualdade” cun novo conto coeducativo e unha guía de prevención da violencia de xénero na adolescencia
Asociación Mulleres en Igualdade de Tui
A Asociación Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI TUI) continúa fortalecendo o seu compromiso coa educación en igualdade coa posta en marcha do proxecto “Redes de Igualdade”, unha iniciativa destinada a promover valores igualitarios, romper estereotipos de xénero e ofrecer recursos prácticos para centros educativos e familias.
No marco deste proxecto, AMEI TUI vén de editar o seu novo conto coeducativo, titulado A Capitá Lúa e o Mar dos Estereotipos, unha historia creada para acompañar ás nenas e nenos na reflexión sobre os mandatos de xénero, a liberdade de escolla e o dereito a ser unha mesma sen limitacións nin barreiras impostas. O libro está ilustrado pola artista tudense Andrea Costa, que aporta unha visión colorida, expresiva e próxima ao público infantil.
Xunto ao conto, AMEI TUI tamén elaborou unha guía de prevención da violencia de xénero na adolescencia, unha ferramenta dirixida ao profesorado e á mocidade que aborda temas fundamentais como a detección de sinais de control, a identificación de relacións sas e a importancia da autoestima e dos límites persoais.
Durante as últimas semanas, o equipo da asociación estivo visitando distintos IES da comarca, onde se distribuíu a guía e se mantiveron encontros informativos co alumnado e o profesorado. Ademais, AMEI TUI continúa levando o proxecto “Redes de Igualdade” aos centros educativos de infantil e primaria, desenvolvendo actividades coeducativas, contacontos e obradoiros que fomentan a reflexión e a aprendizaxe sobre a igualdade desde idades temperás.
Con estas accións, AMEI TUI reforza o seu obxectivo de tecer redes reais entre escolas, familias e institucións, impulsando unha educación transformadora que contribúa á prevención da violencia de xénero e á construción de sociedades máis xustas e igualitarias. Para máis información sobre os materiais e actividades do proxecto “Redes de Igualdade”, pódese consultar a web oficial da asociación AMEI TUI.
Este proxecto e posible grazas as axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, convocadas pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario