1 de dec. de 2025

OIA

A XUNTA DE GALICIA INVISTE MÁIS DE 174.000 EUROS NA MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DE TRES CONCELLOS DO BAIXO MIÑO       

• O delegado territorial visitou o resultado dos traballos de substitución da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol das Tornas, en Oia     

• Na provincia de Pontevedra foron nove os concellos beneficiados por este fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local por valor de preto de 510.000 euros 


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do campo de fútbol das Tornas, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa e o concelleiro de Vías e Obras, José Manuel Rodríguez
Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do campo de fútbol das Tornas, no concello de Oia, onde o concello realizou unhas obras de mellora da cuberta dos vestiarios e  instalación dunha bomba de calor grazas a unha axuda de máis de 54.000 euros do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais.  

 En concreto, os traballos consistiron na substitución da antiga cuberta dos vestiarios, que se topaba xa deteriorada, e na instalación dunha nova con panel sándwich de aceiro e illante de la de rocha que permitirá manter unha boa temperatura no interior da construción e reducir o consumo enerxético. Ademais, instalouse unha nova bomba de calor con acumulador de baixo consumo.   

 O delegado territorial aproveitou a visita para facer fincapé na importancia de “colaborar cos concellos para realizar obras que revertan a favor dos veciños e veciñas” e lembrou que “a Xunta leva anos facendo un esforzo por mellorar a eficiencia enerxética dos edificios públicos, por un lado porque entendemos que é o máis medioambientalmente responsable e, por outro, porque isto supón un aforro moi importante nos gastos correntes das administracións”.  

 Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a nove concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 510.000 euros. Na comarca do Baixo Miño tamén recibiron esta axuda os concellos de A Guarda e O Rosal, sumando un investimento total na comarca de máis de 174.000 euros.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario