Mes da Memoria Democrática en Tui: Ciclo “Sobredo 103, anos despois”
20 de novembro – Saúde pública e compromiso social – Presentación do libro Os médicos tamén enferman
IEAMSo / Tui
O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo), no Mes da Memoria Democrática que promove o Concello de Tui, e no marco do Ciclo “Sobredo 103, anos despois”, organiza este xoves, día 20 de novembro a actividade:
Saúde pública e compromiso social – Presentación do libro Os médicos tamén enferman; que terá lugar no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, en Tui, a partir das 19:30 horas.
No día 28 de novembro do ano 1922, data dos Sucesos de Sobredo, os médicos tudenses tiveron tiveron que atender de urxencia a mais dunha decena de persoas, con feridas de bala, tralos disparos da Guardia Civil contra labregas e labregos que se concentraran para impedir un embargo a un veciño que se negou a pagar os foros. O médico tudense Alejo Diz Jurado foi un dos que atendeu a varias persoas feridas; entre outras atendeu a un mozo de 14 anos que recibiu dous balazos, un en cada perna (Información no Galicia Diario de Vigo, do 29 de novembro do 1922); e, no día seguinte, realizou a autopsia das tres vítimas mortais Cándida, Joaquín e Venancio.
Tamén foi alcalde da cidade de Tui; primeiro dende 1918 a 1922; e despois en 1931 coa proclamación da República.
Tralo golpe de Estado de xullo do 1936, é acusado de rebelión militar; un consello de guerra condenouno á pena de morte. Alejo Diz Jurado foi fusilado, xunto co tamén médico Darío Álvarez Limeses, na Alameda de Tui o 30 de outubro de 1936.
Martiño Noriega, médico e exalcalde nos concellos de Teo e Santiago de Compostela, realizará a presentación do libro Os médicos tamén enferman, do que é autor. A obra é unha crónica persoal onde, despois de exercer cargos públicos, relata o seu retorno ao mundo sanitario; expondo o sentir dun médico no duro contexto da sanidade pública trala época da pandemia da COVID; e recolle as voces directas das propias persoas que escoita no día a día da súa consulta de atención primaria.
Estará acompañado por Marga do Val, directora do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) e Henrique Alvarellos, editor.
As actividades en conmemoración dos Sucesos de Sobredo terán continuidade nas seguintes datas:
O 28 de novembro (venres): A música en Sobredo; no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, en Tui, a partir das 19:30 horas.
O 29 de novembro (sábado): Conmemoración dos Sucesos de Sobredo, no seu 103 Aniversario. No lugar dos feitos en Sobredo, parroquia de Guillarei (Tui).

Ningún comentario:
Publicar un comentario