A XUNTA DE GALICIA MELLORA A ACCESIBILIDADE DO CEP PLURILÍNGÜE PEDRO CASELLES BELTRÁN COA CREACIÓN DE TRES RAMPLAS INTERIORES
• Esta actuación contou cun investimento da Xunta de preto de 26.400 euros
• A Xunta tamén está a levar a cabo unha actuación de mellora dos aseos dos profesores no CEIP Pintor Antonio Fernández
Foto: X.G.
Infogauda / Tomiño
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEP Plurilíngüe Pedro Caselles Beltrán, no concello de Tomiño, onde a Xunta levou a cabo unha actuación de mellora da accesibilidade.
En concreto, as obras, que contaron cun orzamento de preto de 26.400 euros, consistiron na construción de tres ramplas no interior do centro que facilitarán a autonomía do alumnado con mobilidade reducida.
O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de actuacións que “supoñen un gran cambio para a independencia e autoestima dos alumnos que as precisan” e asegurou que, dende a Xunta de Galicia, “o compromiso coa accesibilidade dos centros educativos é total”. Tanto é así que a consellería de educación xa realizara unha importante actuación nesta materia hai apenas uns anos coa instalación dun elevador.
Aínda no concello de Tomiño, pero na parroquia de Goián, o delegado aproveitou para visitar o CEIP Pintor Antonio Fernández, onde a Xunta está a levar a cabo unhas obras de mellora dos aseos de profesores na que se están a investir preto de 15.000 euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario