19 de nov. de 2025

TUI

As principais autoridades de España e Portugal conforman o Comité de honra do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui 

 Quince representantes doutras tantas institucións forman parte deste Comité de Honra 


Vista do pórtico da catedral de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O vindeiro domingo, 30 de novembro, terá lugar a conmemoración do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui que tivo lugar no ano 1225 polo bispo Esteban Egea. O Concello de Tui e a Diocese de Tui-Vigo celebrará este acontecemento excepcional cun amplo programa de actividades ao longo do ano 2026.  

 Dende o Concello de Tui congratúlanse, como xa foi anunciado no seu momento, que tanto as SS. MM. os Reis de España, don Felipe e dona Leticia, como o presidente da República de Portugal aceptasen a presidencia do Comité de Honra desta conmemoración integrado por 15 autoridades, tanto civís como eclesiásticas, de España e Portugal  

 Neste comité tamén figuran ademais dos xefes de Estado de España e Portugal, o ministro de Cultura de España, o presidente da Xunta de Galicia, o presidente do Parlamento de Galicia, o arcebispo de Santiago e de Braga, o delegado do Goberno en Galicia, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento do Norte de Portugal, o presidente da Deputación de Pontevedra, o presidente da Cámara de Valença, o bispo de Viana do Castelo así como o alcalde de Tui, o bispo de Tui-Vigo e o deán da catedral tudense.  

 Este Comité de Honra posúe un carácter protocolario pero expresa a transcendencia desta conmemoración que ten un fondo significado relixioso e espiritual, pero tamén patrimonial e turístico xunto a unha dimensión territorial transfronteiriza, pois durante moitos séculos o territorio da diocese tudense comprendía as terras entre o río Verdugo e a ría de Vigo ata o río Limia na actualidade en Portugal.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, sinala que “esta efeméride é unha oportunidade excepcional para unirse todos os e as tudenses e a veciñanza da diocese tudense arredor da icona más recoñecida de Tui e do sur de Pontevedra na proxección da nosa terra dende o punto de vista cultural, económico, social e relixioso promovendo un espazo e un tempo de encontro e de diálogo entre todos os que se sumen a esta conmemoración”. Engade que “a catedral de Tui é un lugar emblemático pola súa historia, pola súa arquitectura e arte, pola súa dimensión espiritual, pola súa capacidade de hospitalidade para veciñanza e peregrinos..., e queremos que neste 800 aniversario da súa consagración se consolide como o elemento de cohesión dos tudenses, e das xentes do territorio diocesano, afirmando o orgullo de pertenza, a nosa propia identidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario