19 de nov. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación concentra este xoves e venres a máis de 180 profesionais e estudantes no Museo de Pontevedra para analizar como conservar e intervir en bens patrimoniais nos que está presente o cal 

 O XIV Encontro de Conservación e Restauración inclúe unha ducia de conferencias que abordarán temas como a restauración das pinturas de Santa Clara, os fornos de cal na comarca de Pontevedra ou as restauracións no Parque Arqueolóxico de Pompeia 




Infogauda / Pontevedra

 O XIV Encontro de Conservación e Restauración, que cada ano organiza a Deputación a través do Museo de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, celébrase mañá e pasado no Edificio Castelao. A edición deste ano céntrase no cal, un material presente nun gran número de elementos que forman parte do patrimonio cultural. Máis de 180 profesionais e estudantes participarán nunha edición que contará coas intervencións de restauradores e expertos procedentes de diferentes puntos de España, ademais de México e Italia.  

 A presenza do cal no patrimonio cultural abordarase desde diferentes perspectivas: a súa utilización como material de creación, os danos derivados do seu uso e as posibilidades de intervención que ofrece. O cal aparece en inmobles, en esculturas ou en pinturas realizadas coa técnica do fresco, pero tamén en decoracións coma o singular esgrafiado, tan presente en Galicia. En ocasións, forma parte dunha intervención posterior, coma nos encalados que ocultan pinturas murais, e os profesionais actuais buscan novidosas solucións baseadas nas calidades deste material.  

 No encontro intervirán profesionais de referencia para cada unha das áreas temáticas que se abordan. As restauradoras do Parque Arqueolóxico de Pompeia, Ludovica Alesse e Paola Sabbatucci, falarán da presenza do cal no mítico xacemento romano; e a mexicana Alejandra Alonso Olvera falará da conservación do patrimonio prehispánico. Outras conferencias abordarán a produción de cal artesanal en Morón de la Frontera (Cádiz), o seu uso na arquitectura tradicional galega e, de maneira específica, a conservación das decoracións tradicionais de cal en Galicia, como cintados e esgrafiados.  

 As pinturas murais do convento de Santa Clara en Pontevedra protagonizarán unha das conferencias, a cargo da conservadora-restauradora de CREA Restauración Yolanda Gómez Mirón. Ela mesma dirixirá, ao final do encontro, unha visita guiada para os participantes ao refectorio conventual no que apareceron as pinturas do século XVI. Outros monumentos e elementos patrimoniais nos que se centrarán diversas conferencias son os mosaicos do xacemento de Mérida, o trasaltar da Catedral de Burgos ou a fachada oeste da basílica de San Vicente, en Ávila.  

 O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte.  Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e posteriormente postas a disposición do público no sitio web do Museo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario