Plan de Vialidade Invernal
Abel Losada destaca a coordinación de tódolos medios estatais para garantir a seguridade nas estradas nacionais durante o inverno
• Os medios provinciais refórzanse ata 12 camións quitaneves, 3 palas e o almacenamento de preto de 2.000 Tm de sal e 100.000 litros de salmoira
• O Plan incorpora este ano a tecnoloxía ES-Alert para avisar do risco de quedar atascado en nevaradas
Infogauda / A Estrada
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, asinou no Centro de Conservación de A Estrada, o Plan de Vialidade Invernal co que, explicou, “a Administración do Estado garante a circulación con seguridade pola rede de estradas estatais na provincia durante este inverno en previsión de fenómenos meteorolóxicos adversos, especialmente nevaradas”.
O Plan de Vialidade foi asinado tamén pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o coronel da Garda Civil, Manuel Touceda; o comisario-xefe provincial, Juan José Díaz; o comandante de Tráfico, Miguel Martínez, e o responsable da Unidade de Estradas do Estado, Federico Saldaña, coordinando así a todos os entes estatais con competencias na materia.
O Goberno de España garante deste xeito os procedementos de actuación dos servizos, medios e recursos dispoñibles no ámbito da provincia de Pontevedra e que, diante da predición de precipitacións en forma de neve, xeo ou outras situacións climáticas extremas, resulte necesario mobilizar para asegurar a correcta circulación polos 326 Km da Rede de Estradas do Estado, ademais dos tramos provinciais das estradas concesionadas AP-9, AP-53 e AG-57.
O Plan define os procedementos para a distintas fase de preemeerxencia e emerxencia e incorpora como novidade principal a incorporación da tecnoloxía ES-Alert, da Rede de Alerta Nacional, para avisar, a través dos teléfonos móbiles, da posibilidade de quedar atascados nunha nevarada. O ES-Alert, que é unha das medidas implementadas polo Goberno de España co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ten demostrado a súa efectividade. Ademais, en caso de emerxencia, o Plan prevé a coordinación inmediata coa Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, como órgano competente en Galicia, a través do Centro 112 Galicia.
O Plan Invernal para as estradas estatais prevé a creación de varios postos de mando avanzado nas tres zonas nas que se divide a provincia. Ao igual que en anos anteriores son a zona Norte (comarcas de Deza e Ullán, coas estradas N-525, N-550, N-640 e N-640R), Centro (comarca de Pontevedra e de Tabeirós-Terra de Montes, coa A-57, PO-10, PO-11, PO-12, N-541, N-550, N-554, N-554R, PO-11A, N-550A e N-541A) e Sur (Vigo-Louriña-Val Miñor-Condado-Paradanta coas estradas A-52, A-55, N-120, N-550, N-551, N-552, N-555, N-559 e VG-20).
Reforzo de medios
Abel Losada informou de que para este operativo invernal quedan habilitados 12 camións quitaneves e tres palas, media ducia de almacéns de sal con máis 2.000 toneladas e 7 silos distribuídos estratexicamente pola provincia e permanentemente cargados. Ademais, hai 5 plantas de salmoira capaces de producir case 20.000 litros á hora e de almacenar 100.000 litros.
O subdelegado explicou que hai 6 tramos que se consideran especialmente sensibles na provincia. Repártense polos concellos da Cañiza, As Neves, Covelo, Dozón, Lalín, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, Agolada, Silleda e A Estrada. En concreto, a situación por estradas e puntos quilométricos é a seguinte: A-52 (15,9 Km que inclúen as bocas do túnel de Folgoso), N-120 (17,1 Km que abranguen o alto da Fontefría), N-525 (12 Km entre os que están os altos de San Martiño e de Santo Domingo), N-541 (37,3 Km que inclúe o alto de A Hermida e O Paraño), N-640 (8,9 Km que inclúen o alto do Marco) e N-640 (10 Km entre os que está o alto de Xindiriz).
Abel Losada indicou que, tradicionalmente, a provincia de Pontevedra non é unha das máis conflitivas á hora de garantir á vialidade invernal, pero advertiu de que “temos que estar atentos e dispor dos medios necesarios para protexer aos usuarios das vías de comunicación estatais, previr a formación de placas de xeo e proceder rápidamente á retirada de neve se se producen nevaradas, especialmente nos puntos máis elevados, que sempre son os máis complicados”.
O subdelegado recalcou que o Plan Invernal “é nin máis nin menos que un protocolo para que a colaboración entre Subdelegación, Tráfico, Forzas e Corpos de Seguridade e Estradas do Estado, e tamén coa Xunta de Galicia en caso necesario, estea perfectamente engraxado”. Para Abel Losada esta previsión e coordinación é “imprescindible, porque vimos de presenciar dolorosos episodios ao redor da xestión das emerxencias”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario