O Rosal clausurará os Obradoiros de Outono cunha nova edición do taller de cestería ante a alta demanda
• Será impartido pola premiada artesá Julia de la Cal, o sábado 29 de novembro (de 10 a 13 h) no Muíño das Aceñas
• Aberto o prazo de inscrición neste obradoiro dirixido a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos
Infogauda / O Rosal
O Rosal pechará o seu ciclo de Obradoiros de Outono cunha cita especial para amantes da artesanía: unha nova edición do taller de cestería diagonal con formio, da man de Julia de la Cal, que se celebrará o sábado 29 de novembro de 10.00 a 13.00 h, no Muíño das Aceñas, ante a alta demanda rexistrada no obradoiro celebrado en primavera.
Durante tres horas, as e os participantes aprenderán a técnica do trenzado, un método tradicional de tecido diagonal que lles permitirá elaborar cestos de base cadrada con deseños abertos ou pechados, ademais de explorar variacións nos métodos de trenzado para crear pezas únicas.
A actividade estará guiada pola artesá Julia de la Cal, creadora de La Parabólica e gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024 pola súa obra #Periferioa01, recoñecida por reinventar a cestería tradicional a través de formas innovadoras e materiais naturais cultivados pola propia artesá.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que o obxectivo do Concello con este cicllo de obradoiros é "fomentar a cultura, a artesanía e a participación veciñal, recuperando tradicións e promovendo a aprendizaxe práctica nun espazo aberto a todas as idades". Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, sinalou que "este obradoiro é unha oportunidade única para achegarnos á cestería desde a práctica e a creatividade. Buscamos poñer en valor técnicas tradicionais e ofrecer un espazo interxeracional onde a mocidade teña un lugar destacado".
O obradoiro está aberto a todas as idades, pero as persoas menores de 30 anos terán prioridade na inscrición. O custo é de 18 euros e terán prioridade as persoas que se anotaron ao primeiro taller e non conseguiron praza. As inscricións realízanse a través de formulario web.

Ningún comentario:
Publicar un comentario