18 de nov. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés medirase ao Erice italiano en oitavos da EHF European Cup 

O equipo baixomiñoto foi emparellado co Handball Erice no sorteo celebrado esta mañá para definir os encontros da fase Last 16 da competición europea 

Trátase dun Club con recursos e moi laureado en Italia. O seu persoal inclúe xogadoras familiares para a liga española  

De novo, será unha eliminatoria a ida e volta, e deberá xogarse entre o 17 e o 25 de xaneiro  

Ao Mecalia tocoulle de local e tentará acoller, polo menos, o primeiro dos dous partidos na Sangriña 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés xa coñece rival para o próximo banzo da competición europea. O equipo baixomiñoto foi emparellado para disputar a fase Last 16 (oitavos de final) da EHF European Cup no sorteo celebrado pola organización esta mañá, co Handball Erice SSD ARL, club italiano moi potente no seu país e que conta con grandes recursos. As de Ana Seabra partirán como locais, polo que o Club tratará de acoller, polo menos, o encontro de ida na Sangriña, cuxa data prevista foi fixada para a fin de semana do 17 de xaneiro. Tras vencer sen dificultades ao HC Byala búlgaro, o Guardés afronta con ganas o novo reto europeo. As complicacións, como é de esperar, son agora maiores, e a sorte decretou que o equipo baixomiñoto mídase na seguinte rolda a un rival de alta calidade e intención.  

 O Handball Erice italiano acumula anos de grandes éxitos nas súas competicións nacionais, pois enlaza tres triunfos consecutivos tanto na Copa de Italia (2023, 2024 e 2025) como na Supercopa italiana (ídem). Seis títulos en total desde a súa fundación no ano 2019, números que impresionan e nos que xogaron un papel moi importante nomes españois moi coñecidos tanto para a liga Iberdrola como para o Guardés, en concreto. Ata o curso pasado, a súa exentrenadora Cristina Cabeza exercía de técnica tamén do Erice, cargo que ostentou desde que abandonou o equipo baixomiñoto en 2024. Pero máis aló do seu corpo técnico, a presenza española esténdese ao seu persoal, liderada por unha brillante Shandy Barbosa que destaca polo seu potencial goleador característico. 

 En Europa, en cambio, correu distinta sorte. A deste ano é a cuarta participación do equipo na EHF European Cup, e polo momento iguala o seu mellor resultado ata o de agora. O club italiano soamente lograra colocarse entre os Last 16 na tempada 2023/2024, cando caeu eliminado precisamente polo KH-7 BM Granollers (64-56 o global).  

 No curso actual, as italianas superaron con fartura as roldas 2 e 3 da competición, contra o Zeleznicar Indija serbio primeiro (46-25 ida; 37-29 volta; 83-54 o global) e ante o Kaerjeng de Luxemburgo despois (36-13 ida; 32-17 volta; 68-30 o global). A destacar entre ambas, o acerto de xogadoras como Ramona Manojlovic (22 goles entre os catro encontros), Giulia Losio (18) ou Gabriela Pessoa (13); así como o non menos importante feito de que o Club disputou todos os partidos como anfitrión e, probablemente, ofrecerá ao Guardés a mesma opción para aforrar custos. Con todo, o sorteo definiu ao Mecalia como anfitrión, polo que o Club destinará esforzos, entre os que se atopa unha campaña dedicada a este obxectivo, para traer polo menos o partido de ida á afección da Sangriña. 

 A primeira volta está prevista para a fin de semana do 17 e 18 de xaneiro, mentres que o choque definitivo espérase para o do 24 e 25. As de Ana Seabra demostran fame e irán a por todas, co propósito de aninovo máis claro que a auga.  

Ana Seabra: “É un equipo que inviste moito nas súas competicións nacionais e aspira a chegar o máis lonxe posible” 

 Para a adestradora do Guardés, Ana Seabra, o Handball Erice é un rival que “inviste moito para gañar todas as competicións internas de Italia e que, sen dúbida, aspira a chegar o máis lonxe posible na EHF European Cup”. Ao seu xuízo e a falta de realizar o traballo de exploración para analizar o momento no que chegan, no Club italiano destacan os grandes nomes do seu persoal, “xogadoras moi coñecidas na nosa Liga e con moita experiencia”, como Barbosa, Pessoa ou Alexandra do Nascimento.  

 Para afrontar os recursos do rival, a folla de roteiro é a habitual. “A nós quédanos facer o noso traballo de casa o mellor posible”, explica Seabra sen miramientos, pois o obxectivo primordial é “poder seguir adiante e manter viva a ilusión da competición”.   

Catro equipos españois entre os Last 16 

 Os outros tres equipos españois participantes continúan na competición e clasificáronse para o Last 16. O Replasa Beti-Onak, que venceu ao Yellow Winterthur suízo na rolda anterior, recibirá nesta ocasión ao Bursa Büyüksehir turco; mentres o Costa do Sol Málaga acollerá a eliminatoria contra o ZORK Bor serbio tras superar na terceira fase ao Haukar islandés. Pola súa banda, ao Elxe tocaralle visitar ao Kobierzyce polaco tras gañar ao Skopje normacedonio na fase revia. 

 Así quedan todos os emparellamentos para oitavos de final da EHF European Cup: 

- MSK IUVENTA Michalovce (Eslovaquia) – ZRK Split 2010 (Croacia) 

- ZRK Mlinotest Ajdovscina (Eslovenia) – Cabooter Fortes Veno (Países Baixos) 

- AC PAOK (Grecia) – Madeira Andebol SAD (Portugal) 

- Hazena Kynzvart (República Checa) – Jomi Salerno (Italia) 

- Replasa Beti-Onak – Bursa Büyüksehir BSK (Turquía) 

- Costa del Sol Málaga – ZORK Bor (Serbia) 

- KPR Gminy Kobieryzce (Polonia) – Atticgo BM Elxe  

- Mecalia Atlético Guardés – Handball Erice SSD ARL (Italia)

Ningún comentario:

Publicar un comentario