10 de out. de 2025

TUI

Tui converterase nun obradoiro artístico ao aire libre coa celebración do X Concurso de Pintura “Pinta Tui” 

 O evento celebrarase do domingo, 26 de outubro. O premio para a persoa gañadora na categoría de adultos serán 1.000 €  




Infogauda / Tui

 As rúas de Tui converteranse nun obradoiro artístico ao aire libre o domingo, 26 deste mes de outubro, coa celebración da décima edición do Concurso de Pintura “Pinta Tui”. Este evento está organizado por Artes Creativas Efectos, contando co patrocinio do Concello de Tui, co obxectivo de promover e achegar a arte e a cultura á veciñanza, turistas e visitantes, ao tempo que fomenta a dinamización turística e a realización de actividade vinculadas á arte.   

 As persoas que desexen participar deberán inscribirse antes de 18 h do sábado 25 de outubro presencialmente na Oficina de Turismo ou a través dos correos electrónicos turismo@tui.gal, efectostui@hotmail.com ou acitui@acitui.es.  

 Tal e como recollen as bases de “Pinta Tui”, dispoñibles en tui.gal, poderán participar artistas nacionais ou  estranxeiros, que con estilo e a técnica libres , deberán plasmar, in situ o domingo 26, calquera paisaxe ou motivo relacionado co Concello de Tui.  Poderán facelo sobre lenzo ou outro soporte, que no caso de ser papel deberá presentarse sobre  taboleiro, DM, cartón pluma ou similar nun tamaño mínimo de A3. Previo ao comezo do do concurso os soportes serán selados entre as 9.30 h e ás 10.30 h na Oficina de Turismo de Tui, onde as persoas participantes recibirán un avituallamento .  Os e as artistas deberán entregar as súas obras, sen asinar, antes das  18.30 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, onde o xurado, composto por tres persoas vinculadas ao mundo da arte, procederá á deliberación e posterior fallo.  

 O concurso contempla tres categorías: maiores de 18 anos, persoas con idades entre os 12 e os 17 anos, e menores de 11 anos.   

 O primeiro premio na categoría de máis de 18 anos serán 1000 €, o segundo 750€ , o terceiro 500€, o cuarto de 300€, o quinto de 200€ , e o sexto de 100 €, xunto a menús para dúas persoas por xentileza de diferentes establecementos locais.   

 Para os e as participantes de 12 a 17 anos os premios consistirán en material de pintura valorado entre 500 € e 100 € xunto a menús, almorzos, merendas, brunch e un agasallo.   

 Os e as máis pequenas, de menos de 11 anos, recibirán un agasallo, e os tres primeiros levarán coma premio material de pintura e lambetadas.   

 As obras premiadas, xunto con aquelas non premiadas que o desexen, formarán parte dunha exposición colectiva na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, situada no edificio Francisco Sánchez, en datas a determinar.  

 O concurso “Pinta Tui” cumpre dez anos como unha iniciativa consolidada que mantén o seu espírito de achegar a pintura ao espazo público e de promover o encontro entre artistas e veciñanza, poñendo en valor o patrimonio e a beleza do municipio tudense. A organización agradece a colaboración das empresas e entidades patrocinadoras, así como o apoio do Concello de Tui, que fan posible un ano máis a celebración deste evento.  

 A concelleira de Turismo, Ana Núñez, salientou que esta décima edición “é unha mostra de como a arte pode servir tamén como motor de dinamización turística e cultural”. Engadiu que “a participación de artistas procedentes doutros municipios contribúe a proxectar Tui como un destino atractivo, mentres que as súas obras, inspiradas nas paisaxes e recunchos da nosa cidade, axudan a dar a coñecer o noso patrimonio e a imaxe de Tui máis alá das nosas fronteiras”.   

X Pinta Tui - Bases Galego   

X Pinta Tui - Bases Castellano

Ningún comentario:

Publicar un comentario