10 de out. de 2025

TUI

A Xunta de Galicia desenvolve un proxecto piloto para retirar especies exóticas invasoras no río Miño, en Tui 

 A previsión da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático é que esta actuación pioneira poida servir de modelo para actuar noutras áreas xeográficas da Comunidade


Na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a actuar  na praia fluvial de Areeiros cunha actuación pioneira que inclúe o uso de maquinaria
Foto: X.G.

Infogauda / Tui

  A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha no río Miño, ao seu paso polo Concello de Tui, un proxecto piloto para a retirada de especies exóticas invasoras.  

 Neste caso concreto, estase a eliminar a planta invasora coñecida como elodea ou Egeria densa, que é unha especie tropical de auga doce que coloniza os cursos dos ríos formando masas tupidas que impiden o desenvolvemento de especies autóctonas tanto vexetais como animais e dificultan o tránsito de embarcacións.  

 Na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a actuar  na praia fluvial de Areeiros cunha actuación pioneira que inclúe o uso de maquinaria. En concreto, a través dunha retroescavadora provista de flotadores e dun cazo duns oito metros de alcance retirarase a planta invasora e depositarase nuns contedores situados sobre ganguís instalados en plataformas flotantes.  

 O material recollido amorearase nunha zona da praia protexida cunha malla de forma que se poida filtrar a auga e só se leven ao xestor autorizado os restos da planta. A maiores, farase un seguimento con imaxes aéreas e subacuáticas antes, durante e despois dos traballos.  

 Esta acción, financiada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), con fondos da Unión Europea–NextGenerationEU, forma parte das actividades de conservación e mellora dos ecosistemas mariños e as súas contornas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está levando a cabo en distintas zonas de especial conservación (ZEC) da Comunidade.  

 Nese senso, a previsión é que os resultados desta actuación pioneira permitan desenvolver, en colaboración con Portugal, un proxecto de maior envergadura na conca do río Miño, así como servir de modelo para actuar noutras áreas xeográficas de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario