Tomiño esixe á Xunta solucións para un transporte público eficaz adaptado ás necesidades da veciñanza
• A alcaldesa reuniuse coa directora xeral de Mobilidade para abordar a situación da comarca e reivindicar máis frecuencias e melloras tras a rescisión do contrato a Lugove
• A Mancomunidade do Baixo Miño mantivo un encontro para tratar esta problemática que causa preocupación entre a veciñanza
Infogauda / Tomiño
A veciñanza de Tomiño e de toda a comarca do Baixo Miño sofre dende hai anos as consecuencias dun servizo de transporte público insuficiente, con autobuses saturados, percorridos excesivos e horarios incumpridos que dificultan a vida diaria e limitan o acceso á educación, ao emprego e á sanidade. Para abordar esta situación e a petición do propio Concello, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mantivo unha reunión coa directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judit Fontenla, na que se abordaron propostas e solucións para mellorar o servizo tras a recente rescisión do contrato con Lugove e na que a rexedora volveu esixir un transporte público eficaz adaptado ás necesidades da veciñanza.
“Os horarios incumpridos, a saturación dos autobuses e os percorridos excesivos non poden ser norma en Tomiño. É fundamental que cada persoa poida desprazarse con autonomía, sen depender do vehículo privado e sen que se vexa limitada no seu acceso á educación, ao emprego ou á sanidade”, destacou a alcaldesa.
O deseño da actual ruta non tivo en conta as particularidades reais da comarca, xa que ignora a conexión coa área sanitaria e os hospitais de referencia, o Álvaro Cunqueiro e o Meixoeiro, e non garante a conectividade, rapidez e funcionalidade que debe ofrecer un transporte público de calidade. Ademais, tampouco se tivo en conta a comunicación co Campus Universitario de Vigo, un centro universitario de referencia para moitas mozas e mozos de toda a comarca do Baixo Miño que carece de boas conexións e ten poucas frecuencias e autobuses saturados.
A rexedora insiste en que “hai que corrixir e mellorar o servizo. Na comarca temos unha comunicación moi precaria. Agora as frecuencias son moi reducidas e, en ocasións, o autobús vai completo e a xente queda fóra. Isto afecta especialmente á mocidade universitaria e alumnado de ciclos en Vigo, que ás veces non pode volver á súa residencia porque os autobuses van cheos”, engadiu.
Diante desta problemática, as alcaldesas e alcaldes de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda, pertencentes á Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, mantiveron un encontro para abordar este tema que tanta preocupación e malestar xera entre a veciñanza de toda a comarca. As e os rexedores reclaman á Xunta que a nova licitación do servizo de transporte público na comarca se deseñe tendo en conta as demandas presentadas polos municipios. Neste camiño, nos vindeiros días os catro concellos recollerán e porán en común propostas de mellora para presentar de forma conxunta ante a Xunta e continuar así reforzando a colaboración entre administracións en beneficios dos veciños e veciñas. “Un transporte público de calidade é un dereito básico que debe estar á altura das necesidades de Tomiño e do Baixo Miño”, recalcou Sandra González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario