Tomiño prepárase para unha fin de semana de cine
• Este 11 e 12 de outubro, o público poderá gozar de balde da comedia galega ‘+Cuñados’ e do filme familiar ‘Garfield, a película’
Infogauda / Tomiño
A pantalla grande volve acenderse en Tomiño. O auditorio municipal converterase esta fin de semana nun punto de encontro para amantes do cine, cunha programación pensada tanto para público adulto como familiar. Dúas proxeccións, dúas historias moi diferentes, pero cun mesmo obxectivo: ofrecer cultura, lecer e bo humor sen saír do concello.
A alcaldesa, Sandra González, salientou que “esta nova fin de semana de cine forma parte da aposta do Concello por achegar a cultura a toda a veciñanza, facilitando o acceso a propostas de calidade e pensadas para diferentes idades e gustos”. Engadiu ademais que “o auditorio municipal é un espazo vivo, un punto de encontro para desfrutar en común do cinema, do teatro e da música, nunha programación continua que queremos que sexa cada vez máis diversa e participativa”.
O sábado 11 ás 21.00 horas, o público poderá gozar da comedia galega +Cuñados, unha historia chea de enredos, humor e retranca. Durante o Entroido, a familia Ribeiro vese envolta en novos conflitos tras dous anos de aparente calma. A chegada de Andreia Nunes desatará unha vinganza que levará a un inesperado cadáver na ponte de Tui…, e a moitas máscaras caídas no entroido ourensán. A proxección será de balde e está recomendada para maiores de 12 anos.
O domingo, día 12 ás 17.30 horas, será a quenda dos máis pequenos e das familias coa proxección de Garfield, a película, unha aventura chea de humor, acción e tenrura protagonizada polo gato máis famoso e preguiceiro do mundo. Apaixonado pola lasaña e inimigo declarado dos luns, Garfield embarcarase nesta ocasión nunha inesperada aventura xunto ao seu pai Vic e o can Odie, nun perigoso atraco que cambiará para sempre as súas vidas. A sesión será de balde e apta para todos os públicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario