10 de out. de 2025

A CAÑIZA

Advirten da situación “insostíbel” en Correos na Cañiza, con só dous efectivos de cinco 

 A empresa pública négase a cubrir as prazas alegando falta de cartos 

Infogauda / A Cañiza

 A CIG-Correos vén de denunciar a situación “insostíbel” na que se atopa a oficina de reparto da Cañiza, xa que das cinco prazas existentes só dúas están nestes momentos en activo, “tendo que asumir dúas persoas o traballo de cinco”.  

 Dende a central sindical lamentan que a dirección da empresa pública se negue a cubrir os postos alegando falta de cartos, “cando si os hai, por exemplo, para patrocinar de eventos deportivos”. Ademais, lembran que o Estado acaba de aprobar unha importante inxección económica para a compañía.  

 Esta situación de falta de persoal está a provocar un “grao de presión e extremo” que se traduce en incapacidades laborais por estrés e ansiedade, “como ocorre na oficina da Cañiza, onde dúas persoas teñen que prestar servizo en 108 quilómetros cadrados, distribuídos en nove parroquias, cun total de máis de 300 quilómetros de percorrido”.  

 Isto provoca unha acumulación das notificacións administrativas, “coas consecuencias negativas que iso xera para a cidadanía”, así como un importante número de envíos sen repartir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario