JOSÉ LUIS GIL VICENTE: ELOXIO DA SIMPLICIDADE
Pregoeiro das Festas do Monte Santa Trega, 2024
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Había inquedanza por saber quen ía ser o pregoeiro deste ano. No libro-programa non se desvelaba nome algún. E no mesmo luns día 5 de agosto, supemos quen ía ter o honor de realizar ese labor.
O home que traballou arreo ao longo de máis de tres décadas, como funcionario municipal do servizo de obras do Concello de A Guarda, e que desde comezos deste 2024 desfruta da súa máis que merecida xubilación, foi a persoa elexida - na mesma data do comezo das Festas do Monte Santa Trega! -, como pregoeiro das mesmas. Referímonos, como xa saben, a José Luis Gil Vicente.
Dese xeito, as Festas do Monte Santa Trega 2024 contaron este ano cun pregoeiro local que dedicou gran parte da súa vida a traballar para a veciñanza.
Na súa disertación, José Luis Gil Vicente, compartiu co público, de xeito totalmente espontáneo - sen guión escrito e ningún tipo de extravagancia - algunhas divertidas anécdotas deses anos de traballo a prol da comunidade veciñal de A Guarda.
José Luis Gil, que coas súas lembranzas logrou - en mais dunha ocasión - facer sorrir ao respectable público que estaba na praza do Reló, recordounos como hai moita xente que traballa antes, durante, e tras a festa, para que desfrute todo o pobo, como agora el tras a súa xubilación.
Por todo iso, o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, tivo para José Luis Gil Vicente unhas verbas de agarimo.
E o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, lembrou as orixes da Festa do Monte Santa Trega e como ese ambiente familiar e festivo aínda se mantén máis de 110 anos despois.
En nome da Comisión de Festas do Monte 2024, Manuel Castro Vicente, mencionou unhas reflexións respecto a algunhas orquestras que están na mente de moitas persoas, facendo fincapé das dificultades loxísticas - e crematísticas, ainda que non o dixo - que conlevaría súa contratación.
O acto do pregón das Festas do Monte Santa Trega, 2024 culminou coa entrega dun agasallo conmemorativo a José Luis Gil Vicente, que en honor a verdade, ademais de non cobrar nin un céntimo de euro, fixo todo un eloxio da simplicidade, entendida esta como a virtude do sinxelo.
E, ao mesmo tempo, na súa intervención efectuou toda unha homenaxe ás persoas que traballan, namentras os demais están gozando das festas.
José Luis Gil, demostrou que non é necesario pagar a profesionais para falar das Festas do Monte Santa Trega. Na Guarda hai persoas autóctonas que o fan tan ben - ou mellor - e sen ter que "rascar" o peto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario