O persoal de Radioterapia reclama un protocolo sobre as funcións que realiza nos tratamentos oncolóxicos
Infogauda / Galicia
O colectivo de Técnicas/os Superiores en Radioterapia do sistema sanitario público galego solicita da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria a creación dun grupo de traballo na Consellería de Sanidade para establecer un protocolo que recolla as funcións que se realizan na aplicación do tratamento en oncoloxía radioterápica, que profesionais as realizan, en que condicións e con que limitacións.
O novo Real Decreto 391/2025, de 13 de maio, polo que se establecen os criterios de calidade e seguridade das unidades asistenciais de radioterapia, no seu artigo 8. recolle as responsabilidades da médica ou médico especialista en oncoloxía radioterápica e pon en cuestión as prácticas que se veñen facendo actualmente no ámbito da sanidade pública galega.
Dende a implantación progresiva da radioterapia guiada por imaxe (IGRT), a/o Técnica/o Superior en Radioterapia é o encargado de avaliar as imaxes previas ao tratamento, de facer as correccións oportunas respecto a imaxe, fóra de que o técnico contemple que as desviacións entre a imaxe adquirida e a imaxe de planificación son superiores ás consideradas aceptables ou ben por discrepancias anatómicas, e de aplicar estas desviacións ao administrar o tratamento de radioterapia (seguindo as recomendacións da OIEA sobre IGRT).
Dado que o novo Real Decreto 391/2025 modifica e concreta o marco legal de actuación, o colectivo de Técnicas/os Superiores en Radioterapia veñen de recoller máis de 75 sinaturas entre o seu grupo profesional para solicitar da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria a creación dun grupo de traballo para establecer un protocolo de traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario