A Rosegha: unha cita imprescindible coa tradición mariñeira e o mar en festa
• No seu segundo ano de vida, A Rosegha aspira a converterse nunha cita fixa do verán galego, cunha programación que mestura tradición, xogo, divulgación e participación comunitaria
• Entre as actividades destacan as navegacións de maquetas (diúrnas e nocturnas), as exposicións de embarcacións e aparellos mariñeiros, os obradoiros infantís, e as saídas na embarcación tradicional Piueiro
Mar Bermúdez / A Guarda
A Guarda acollerá os días 12 e 13 de xullo a segunda edición de A Rosegha, unha celebración promovida pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro que reivindica o orgullo mariñeiro e a memoria compartida desde o corazón do porto. A festa foi presentada oficialmente esta mañá no Concello polo alcalde da Guarda e deputado provincial, Roberto José Álvarez Carrero, e por Rubén Adrover Álvarez, en representación da entidade organizadora, nun acto que serviu para reafirmar o apoio institucional do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra a esta iniciativa que medra e se consolida.
No seu segundo ano de vida, A Rosegha aspira a converterse nunha cita fixa do verán galego, cunha programación que mestura tradición, xogo, divulgación e participación comunitaria. Entre as actividades destacan as navegacións de maquetas (diúrnas e nocturnas), as exposicións de embarcacións e aparellos mariñeiros, os obradoiros infantís, e as saídas na embarcación tradicional Piueiro.
Especialmente simbólica será a navegación das navoas, os clásicos barquiños de cortiza elaborados polos máis pequenos, que poderán vogar nas augas do porto como parte dun proxecto que combina identidade, creatividade e aprendizaxe.
Durante a presentación, Rubén Adrover puxo en valor o carácter cultural, social e educativo do evento, así como a súa capacidade para proxectar A Guarda a través da súa identidade mariñeira. Tamén quixo recoñecer o traballo constante da asociación Piueiro, que volve facer do porto un lugar de encontro e ilusión compartida.
Adrover reivindicou o espírito da Rosegha como “un xeito de vivir e de sentir o que somos”, agradecendo o apoio de todas as persoas, entidades e institucións que fan realidade esta segunda edición.
Na presentación oficial participaron tamén o concelleiro de Facenda, Administración Local, Medioambiente e Biodiversidade, Óscar Alonso Álvarez; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, así como Antolín Verde Alonso e unha numerosa representación da Asociación Piueiro. Tamén estivo presente Paula Alfonso Verde, madriña do volanteiro Piueiro.
Como na anterior edición, A Rosegha reafirma o seu carácter transfronteirizo, con presenza confirmada de participantes de Portugal e a previsión dunha importante afluencia de público do país veciño, reforzando así os lazos culturais e mariñeiros entre as dúas beiras do Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario