3 de xul. de 2025

A GUARDA

As bandeiras azuis xa ondean nas praias Area Grande e O Forte   

Os socorristas comezaron este mes de xullo e estarán ata principios de setembro  


O alcalde de A Guarda e dous concelleiros, nas praias Area Grande e O Forte, nos momentos previos ao izado das bandeiras azuis

Fotos: C.A.G.

Acompañado dun operario, o alcalde de A Guarda, izou as bandeiras azuis


Infogauda / A Guarda 

 Desde a mañá deste xoves, día 3 de xullo, cadansúa bandeira azul xa ondean nas praias Area Grande e O Forte, respectivamente. Estes recoñecementos outórgaos a  ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) ás praias que cumpren con altos estándares de calidade ambiental, seguridade e servizos.  

 Estas praias - Area Grande e O Forte -  levan anos sendo recoñecidas pola súa calidade, ademais da súa localización privilexiada no océano Atlántico e na desembocadura do río Miño, respectivamente.


O alcalde e os concelleiros departiron con dous dos socorristas da praia do Forte
  

 Desde comezos deste mes de xullo ambos areais contan co servizo de socorrismo. Os socorristas comezaron onte, mércores, día 2 de xullo, e estarán ata principios de setembro vixiando as praias.  

 Este ano o equipo de socorristas está formado por seis integrantes, o que permite ter un servizo de socorrismo todos os días de 12:00 a 20:00h nas dúas praias.   

 “Estamos moi contentos de ter estes recoñecementos de bandeira azul, pero sobre todo, de este ano poder ofrecer á cidadanía un servizo de socorrismo completo, sabendo da dificultade que supón atopar persoal cualificado para estes postos tan importantes durante o verán”, declarou o alcalde Roberto José Álvarez Carrero.   

 Desde o Concello animamos a todos e todas a desfrutar das nosas praias e a refrescarse nelas nestes días de calor, engadiu o rexedor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario