Feira de Cultivos, 20 anos facendo medrar o Baixo Miño
• Do 23 ao 25 de maio a praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, acolle un amplo programa no que o sector verde e o lecer serán grandes protagonistas
Infogauda / Tomiño
Décadas de historia, tradición e innovación danse a man nunha nova edición da Feira de Cultivos do Baixo Miño, un evento que celebra este ano o seu 20 aniversario cunha programación ao aire libre renovada e deseñada para desfrute de todos os públicos. A feira, organizada polo Concello de Tomiño e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), é moito máis que un evento do sector verde: é o escaparate do talento viveirista e hortícola que caracteriza a comarca.
Desde o venres 23 ata o domingo 25 de maio, a praza Pintor Antonio Fernández de Goián converterase nun espazo de encontro, aprendizaxe e lecer para profesionais e afeccionados. A feira foi impulsada hai dúas décadas por persoas pioneiras que souberon ver o potencial do territorio, e hoxe consolidouse como un referente galego en materia de agricultura sostible e innovación.
Como sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “é unha cita moi especial coa que celebramos 20 anos de compromiso co sector agro do noso territorio. E como non podía ser doutro xeito, nesta edición tan simbólica queremos render unha merecida homenaxe ás persoas pioneiras que tiveron a visión e a valentía de poñer en marcha esta feira. Grazas ao seu esforzo e determinación, hoxe celebramos 20 anos de traballo colectivo, de posta en valor do noso potencial agrícola e de defensa dun modelo produtivo respectuosos co medio e coas persoas”.
O presidente de acuBam, Fran Campo, tamén quixo facer referencia a esa primeira feira que “puxo o foco no potencial produtivo e humano do Baixo Miño. Grazas á visión e ao empreño dun grupo de pioneiros e pioneiras hoxe a Feira é un espazo consolidado, referente en Galicia. Queremos que o público defrute dunha edición chea de contido, con obradoiros, charlas, música, encontros e, por suposto, os expositores das nosas empresas socias e colaboradoras, verdadeiras protagonistas desta historia”.
A programación ofrece unha combinación atractiva: destacan dúas “Barferencias” abertas ao público, que achegarán a ciencia á cidadanía sen perder o rigor: o venres 23 (19.00 h), Oliver Weiss, enxeñeiro agrónomo, falará sobre como manter plantas sans, mentres que o sábado 24 (12.00 h), Federico Pomar, profesor da Universidade da Coruña, abordará a evolución da agricultura.
A música en directo será tamén protagonista con concertos de Skarajazz e Los Lunes al Sol, ademais dunha sesión vermú coa banda La Buena Vida. Feira tamén estrea nesta edición formatos máis dinámicos e participativos, como a sesión de micros abertos do sábado 24 (13.30 h), un espazo para visibilizar e dar altofalante aos grupos ou artistas emerxentes.
A cativada poderá desfrutar con dous espectáculos infantís sábado 24 (18.00 h) e domingo 25 (17.30 h) e cun obradoiro para crear o seu primeiro herbario. Os talleres tamén son outros dos protagonistas da Feira, cunha ducia de propostas abertas a todos os públicos e de diversas temáticas, dende as que recolleron moitos éxitos en pasadas edicións como o de kokedamas ou enxertos, ata novidades como o de microcosmos, cultivo de bonsais, coidado de rosais ou a elaboración de ramos naturais e flor seca. As inscricións continúan abertas na web da feira.
A oferta compleméntase con gastronetas locais; unha exposición de Somosarte; un mercado de primavera con 20 artesáns; e coa venda de planta ao público a través das tendas efémeras. Ademais, a festa continuará despois da feira, nos locais de Goián.
Ningún comentario:
Publicar un comentario