Transparencia institucional
A Subdelegación do Goberno abre as súas portas ás nenas e nenos para celebrar a Semana de Administración Aberta
Abel Losada anímaos a converterse en cidadáns críticos: “As Administracións deben ser como as ventás e non como as paredes, para que todo o mundo saiba o que se fai e o porqué”
Os rapaces definen aos políticos como “persoas que mandan moito” e critican a Donald Trump: “Non pensa moito o que fai”
“A Democracia consiste en que non haxa ningún ditador”
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, celebrou esta mañá un encontro co alumnado de Terceiro de Educación Primaria do colexio Froébel, de Pontevedra, como peza central da Semana de Administración Aberta, pechando así unha programación que incluíu actividades por diversos servizos da Administración do Estado na provincia.
Na xuntanza, na que tomaron parte tamén a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso, e a xefa da Unidade de Prevención da Violencia de Xénero, María José Rodríguez, un grupo de 25 alumnas e alumnos de 9 anos, aprendeu conceptos sobre a Democracia, o reparto competencial do mapa administrativo español, a función da Política en xeral e o concepto da transparencia institucional. O alumnado estivo acompañado por membros do profesorado.
Losada explicou que a Administración do Estado, a Autonómica e a Local deben esforzarse por ser transparentes “deben ser como as ventás para que se vexa ao seu través, e non como as paredes, porque deste xeito os vosos pais e nais e os vosos avós e avoas poden saber o que se fai e o porqué”. Invitou aos cativos a formarse para dedicarse a aquilo que lles guste e exercer sempre como cidadáns e cidadás críticos. Ademais subliñou que as Administracións están detrás dos servizos que fan que a sociedade “funcione”.
Na quenda de preguntas o alumnado tivo dificultades para identificar aos presidentes das distintas Administracións e mesmo ao alcalde. Pero ao ser preguntados pola súa opinión acerca dos políticos afirmaron que son “persoas moi esixentes e que mandan moito”. Ademais indicaron de que son “distintos dependendo de cada lugar, porque, por exemplo, en Estados Unidos, é horrible”. Outra alumna aludiu directamente a Donald Trump a quen cualificou como “un político que non pensa moito o que fai”. A Democracia foi definida por outra nena como un sistema que consiste en que non haxa ningún ditador.
Na xornada abordouse tamén a violencia de xénero que foi vista como o que fan as persoas que creen que as mulleres e os homes non somos iguales. Noutra opinión afirmouse que “fisicamente somos distintos, pero témolos mesmos dereitos”.
En canto aos problemas que as Administracións públicas deberían resolver o alumnado do colexio Froébel falou da contaminación, a preocupación pola biodiversidade coa perda de plantas e animais, e, finalmente, de acabar coas guerras en Ucraína e Gaza.
A quenda de preguntas rematou co interese dunha alumna que quería saber por que na Subdelegación hai axentes da Policía Nacional e non da Policía Local e dun alumno que para concluír o debate sobre os dereitos e obrigas que se derivan da Democracia afirmou que a súa nai e o seu pai “non protestan polos impostos; páganos encantados”.
Unha vez concluída a xornada sobre Transparencia institucional os 25 rapaces e rapazas do colexio Froébel pasaron polo despacho do subdelegado do Goberno e aceptaron a invitación para retratarse un por un na cadeira xunto co subdelegado, diante das bandeiras oficiais.
Finalmente, recibiron unha sesión de formación en ciberacoso a cargo das axentes da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra. Abel Losada invitou a seguir con atención a charla para, deseguido, compartir o aprendido en casa e aplicar os consellos recibidos á vida diaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario