2 de maio de 2025

O PORRIÑO

O PSdeG-PSOE de O Porriño paraliza as obras dun edificio na rúa Domigo Bueno 

 Os socialistas denuncian unha obra ilegal nun edificio beneficiado pola modificación do PXOM promovida polo PP 


Edificio paralizado
Foto: GMS

Infogauda / O Porriño 

 O Grupo Municipal Socialista do Porriño acadou  “que se decretase a paralización inmediata e o precintado dunha obra ilegal no edificio situado na rúa Domingo Bueno nº 46, tras meses de advertencias públicas e logo da denuncia formal presentada pola agrupación socialista porriñesa”. 

 “Este inmoble, actualmente obxecto de actuacións sen licenza, sería un dos grandes beneficiarios da modificación puntual do PXOM promovida pola Concellería de Urbanismo e aprobada inicialmente co voto a favor do Partido Popular. A pesar de que xa se tiña constancia das obras irregulares, o Goberno local non moveu un dedo ata que o PSOE denunciou os feitos. 

 No Pleno, os socialistas xa advertimos que este edificio sería un dos grandes beneficiados pola modificación e, de seguida, comezaron unhas obras que nin tiñan licenza nin encaixaban no deber de conservación. A súa execución, con coñecemento do Goberno local, amosa a existencia dun urbanismo a medida, ao servizo de intereses moi concretos”.  

 O informe do arquitecto municipal confirma que  “se trata de obras maiores, non declaradas, que inclúen instalacións eléctricas e de gas, tabiquería e elementos estruturais, nun edificio afectado por graves infraccións urbanísticas desde hai máis dunha década”.  

 Pero esta non é unha excepción, senón que parte dun patrón preocupante. “O PSOE leva tempo denunciando outra recalificación en marcha, promovida tamén pola Concellería de Urbanismo, que afecta a un edificio abandonado situado entre a rúa Estación e a rúa Peña. Neste caso, o inmoble pertence a un familiar de cuarto grao de consanguinidade, da propia concelleira de Urbanismo, algo que a lexislación urbanística e de réxime local prohíbe expresamente, xa que ningún cargo público pode participar en procedementos que beneficien a familiares directos, sexa por legalizacións, recalificacións ou licenzas”. 

 “Tamén solicitamos acceso ao expediente urbanístico dun inmoble de Torneiros que, a pesar de levar 8 meses facendo obras no mesmo, non contaba coa documentación nin requerimentos urbanísticos en regra, mentres o Concello do Porriño miraba cara outro lado. 

 Dende a agrupación socialista de O Porriño non imos permitir a legalización encuberta de inmobles con intereses familiares, nin máis recalificacións feitas a medida de quen rodea o poder. Non imos perdoar estes abusos, nin calar ante os incumprimentos da Lei vixente”. 

 Os membros do grupo municipal do PSdeG-PSOE. no Concello de O Porriño aseveran que existen promotoras que operan como voitres urbanísticos, agardando o intre de achegarse ao poder para transformar solo ilegal en ouro urbanístico. “Pero aquí atoparán ao PSOE vixiando cada metro cadrado e defendendo o interese xeral fronte aos intereses persoais”, afirman dende a agrupación porriñesa. 

 “Dende o PSOE reafirmamos o noso compromiso coa defensa dun urbanismo legal, igualitario e ao servizo da veciñanza. Seguiremos fiscalizando, denunciando e propoñendo porque a Lei, neste Concello, non se vai dobregar diante de ningún apelido”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario