18 de maio de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A HOMENAXE AS CANTAREIRAS E A DOROTHÉ SCHUBARTH, CONTOU COA PARTICIPACIÓN DE GRUPO DE PANDEIRETEIRAS TREMELIQUE

 Na Casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Campòsancos

O Gupo de Pandeireteiras Tremelique nun momento da súa actuación en Camposancos
Fotos: Cedidas


Redacción / Camposancos

 Neste 2025, o Día das Letras Galegas rende homenaxe ao rico cancioneiro popular da nosa terra, personificado nas voces de Adolfina e Rosa Casás Rama, cantareiras de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, natural de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica). 

 Grazas a elas, as súas devanceiras e as xeracións de mulleres transmisoras da cultura oral popular, "a lingua galega mantívose viva e forte durante séculos, a pesar das prohibicións e da súa ausencia do ámbito oficial, grazas á custodia do pobo galego. En particular, as mulleres foron as grandes conservadoras da lingua, creando de xeito anónimo unha poesía popular transmitida nas cantigas de avoas a netas, de nais a fillas, e entre veciñas". 

 Nas últimas décadas do século XX, o exhaustivo traballo de recompilación e edición do Cancioneiro Popular Galego (Fundación Barrié), a obra magna do noso folclore, levado a cabo pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico da Fonsagrada, Antón Santamarina nos anos 80, permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009) e Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, na parroquia de Cerceda. 

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos uniuse a esta celebración homenaxeando a estas cantareiras, a través dun acto que tivo lugar o venres 16 de maio, a partir das 20:00 horas, na sede da comunidade de montes. 
 
 Durante o evento, proxectouse o documental "Dorothé na vila", de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e a continuación, o respectable público gozou coa fermosa actuación do Gupo de Pandeireteiras Tremelique, do Rosal, que redondearon coa estrea dunha composición con letra propia e música portuguesa. Foi todo un éxito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario