18 de maio de 2025

A GUARDA

Gabriela Alfaya, da Guarda, gaña o VII Certame Literario “Homes e Mulleres do Mar” cunha homenaxe ás redeiras  

O concurso, que leva o nome do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, ten como obxectivo fomentar a escrita en galego desde idades temperás e recoñecer a contribución das persoas que traballan no mar, con especial atención ás mulleres que durante anos foron invisibilizadas


Familiares de Xosé Carlos Gómez Alfaro e representantes de ORPAGU, coa gañadora e participantes da edición precedente do certame “Homes e Mulleres do Mar”
 

Mar Bermúdez / A Guarda

 Gabriela Alfaya Rebollar, alumna de 5º de Educación Primaria no CPR Padres Somascos, da Guarda, resultou gañadora da sétima edición do certame literario “Homes e Mulleres do Mar”, convocado pola Organización de Produtores Palangreiros Guardeses (ORPAGU). 

 O relato premiado, titulado “A misteriosa Illa das redeiras”, conta a historia dunha nena que, tras atopar un obxecto antigo no faiado da súa casa, viaxa a unha illa onde as redeiras gardan os segredos do mar e do tempo. O texto combina elementos de aventura, memoria e tradición mariñeira. A protagonista remata descubrindo a importancia das mulleres do mar e o valor de conservar e transmitir o seu legado. 

 O xurado valorou a capacidade da autora para construír unha historia cunha estrutura clara, personaxes definidos e un uso coidado da lingua. A obra foi escollida entre os textos presentados por nenos e nenas de entre 10 e 12 anos de toda Galicia. 

 O fallo fíxose público esta semana, coincidindo co Día das Letras Galegas, e o acto de entrega do premio celebrarase o vindeiro 7 de xuño na sede de ORPAGU, na Guarda. A gañadora recibirá unha tableta, un lote de libros e unha escultura conmemorativa.    

 O certame “Homes e Mulleres do Mar”, que leva o nome do escritor Xose Carlos Gómez Alfaro, ten como obxectivo fomentar a escrita en galego desde idades temperás e recoñecer a contribución das persoas que traballan no mar, con especial atención ás mulleres que durante anos foron invisibilizadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario