12 de xuño de 2025

A GUARDA

A Festa Miudiña reunirá a todo o alumnado guardés para despedir o curso  

• Na súa segunda edición, o evento celebrarase o vindeiro xoves, 19 de xuño, a partir das 9:30 h, tendo como escenario a fortaleza de Santa Cruz


O ano pasado reuníronse máis de 700 nenos e nenas durante a I Festa Miudiña
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Tras o éxito da primeira edición do ano pasado, a Festa Miudiña celebrarase o vindeiro xoves, 19 de xuño, a partir das 9:30 h, tendo como escenario a fortaleza de Santa Cruz.  

 Todo o alumnado de Educación Primaria e Infantil dos colexios de A Guarda, así como o do colexio San Xerome, participarán nas diversas actividades e xogos que estarán espallados polo interior do devandito recinto. O ano pasado reuníronse máis de 700 nenos e nenas durante a celebración da I Festa Miudiña.  

 Desde o comezo do evento, a rapazada irá chegando a fortaleza de Santa Cruz, onde lles agardan diversas actividades. As diferentes clases irán rotando en quendas e tamén desfrutarán dunha pausa para a merenda.  

 Como novidade deste ano, os asistentes contarán con actuacións para amenizar o descanso da merenda. Para os máis pequenos, o alumnado de infantil, Os Jalochos traen o espectáculo “A Landra viaxeira e o amigo Lambón”. Nesta actuación Os Jalochos cantan, bailan e contan a historia de Landra e a súa viaxe por Galicia, acompañada do seu amigo Lambón.  

 Cunha folla de carballo que se transforma en camión, nun barquiño, nun paraugas, se precisan dun avión, Landra e Lambón coñecerán a novas amizades polo camiño. Respectar a natureza, viaxar por vilas e cidades, xogar co ritmo da música, aprender lingua de signos e cantar e bailar sen acougo, son parte das propostas que pon en valor este concerto para o divertimento das crianzas.  

 Para o alumnado de Primaria, o espectáculo estará a cargo de Jano Costas. Este será un espectáculo de humor en clave de clown orixinal, participativo e divertido. Jano mistura a destreza dos malabares a forza das acrobacias e un desenfreado inxenio.  

 Jano, un personaxe sen palabras, xoga coma un neno atrapado nos medos dunha persoa adulta; coa súa presenza amable e afable vainos presentando o seu peculiar xeito de entender a vida, un mundo que lle vai grande e no que quere encaixar atopando a xusta medida das cousas.  

 A II Festa Miudiña é unha actividade organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de A Guarda, en colaboración con Alalá Sociedade Cooperativa, AGA Formación, Diviertt e A Esgalha.  

 Desde o goberno municipal de A Guarda, lembran "que con motivo da Festa Miudiña, o acceso á fortaleza de Santa Cruz permanecerá pechada durante a mañá do 19 de xuño". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario