XX Xornadas de Cultura Mariñeira
Muros Mira ao Mar, 2025
Do 4 ao 6 de xullo
Infogauda / Muros (A Coruña)
A Asociación Cultural Mar de Muros e Culturmar. Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, veñen de facer público á organización da nova edición das XX Xornadas de Cultura Mariñeira Muros Mira ao Mar, que terán lugar do 4 ao 6 de xullo de 2025, en Muros, e que terán como temática central “A Gastronomía do Mar”.
O prazo de inscrición comezou no día de onte e finalizará o día 22 de xuño (fóra dese prazo os organizadores non poden asegurar manutención, aloxamento e atraques).
INSCRICIÓN DE EMBARCACIÓNS E TRIPULACIÓNS
As tripulacións inscritas nas Xornadas deben comprometerse a participar nas actividades do programa de mar.
As Xornadas inclúen, ademais da xuntanza de embarcacións a flote, visitas guiadas para o público, polo que cada barco inscrito nesta actividade deberá contar con algún membro do colectivo titular que axude neste labor.
Nesta edición as comidas e ceas volverán ser gratuítas (pagadas polo concello), desde a cea do venres día 4 ao xantar do domingo día 6, previa reserva a través da folla de inscrición que os participantes deben enviar para participar co seu respectivo barco. A organización prega a máxima dilixencia e concreción nesta reserva, para evitar variacións de última hora. "Non podemos estragar a comida, polo que, por favor, axustade ao máximo. Non podemos asegurar menús especiais (aínda que intentaremos adaptarnos as necesidades especificadas na folla de inscrición, excepto alerxias). As comidas e ceas serán, como en anteriores edicións, no Mercado Municipal", indican os organizadores do evento.
Tamén se disporá de prazas gratuítas de aloxamento, até un máximo de 30, que estarán localizadas en Miraflores, fronte o Pavillón Polideportivo Municipal. Estas prazas contarán con liteiras con colchón (sen roupa de cama) e servizos, incluíndo duchas, e deberán reservarse tamén a través da mesma folla de inscrición. En caso de existir máis demanda que o máximo de prazas dispoñíbeis, adxudicaranse por orde de inscrición.
Os barcos que se despracen por terra poderán servirse das ramplas de varadas e os remolques estacionaranse como é habitual na base do GES.
Será responsabilidade das persoas ou colectivos armadores contar coas medidas de seguridade e documentación en regra para cada barco.
DATAS
As embarcacións inscritas deberán estar en Muros o venres día 4 de xullo para participar no izado de velas inaugural, que terá lugar ás 20:00h, e permanecer como mínimo até o domingo día 6 ao mediodía, sen prexuízo de que este calendario poida adaptarse no caso de que as condicións meteorolóxicas así o aconsellen.
PRAZO DE INSCRICIÓN
A inscrición de barcos e tripulantes farase enviando a folla por correo electrónico a mardemuros@gmail.com.
Nesa folla indicarase o nome do colectivo, persoa responsábel do grupo, número de membros do colectivo que integran o grupo (incluíndo a persoa responsábel), reservas de comidas e aloxamento, móbil de contacto, barco inscrito e características principais (para imprimir nos carteis da exposición). Enviarase ademais, xunto coa folla, unha fotografía actual do barco con boa calidade.
Na mesma folla farase constar calquera circunstancia especial que afecte aos barcos ou tripulantes, e que poida ser de interese para a mellor organización das Xornadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario