27 de feb. de 2025

O PORRIÑO

O PP de Porriño impón unha Lei mordaza para silenciar á oposición con irregularidades no regulamento do Pleno 

 O PSOE denuncia que a modificación do regulamento do pleno foi aprobada con erros graves de procedemento e datas contraditorias. O goberno de Alejandro Lorenzo recorta a democracia, baleira os plenos de contido e impide á oposición fiscalizar a súa nefasta xestión 


David Alonso Bargiela e Sthela M Taboas González, compoñentes do Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Porriño

Infogauda / O Porriño

 O Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Porriño denuncia a aprobación irregular da modificación do Regulamento Orgánico do Pleno, unha reforma que impón un límite antidemocrático ás preguntas da oposición e que, ademais, foi aprobada con graves defectos de forma, con datas contraditorias que invalidan todo o procedemento. 

 Segundo a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), o Pleno no que se aprobou esta reforma celebrouse o 30 de xaneiro de 2025, pero a realidade é que a sesión tivo lugar o 30 de decembro de 2024. A isto hai que sumarlle que o alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, asinou a modificación o 28 de xaneiro, dous días antes da suposta sesión plenaria segundo o BOPPO. 

 Este caos administrativo non é un erro menor, xa que invalida todo o acordo e pode supor a súa nulidade de pleno dereito, xa que non se axusta ao procedemento legal esixido pola Lei de Procedemento Administrativo. 

 O PSOE anuncia alegacións formais para tumbar esta modificación e non descarta recorrer aos Tribunais para frear este atropelo democrático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario