Dúas candidaturas galegas resultan finalistas nos Premios Nacionais de Artesanía 2024
• O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañaron hoxe en Madrid ao torneiro Aitor Martínez (Tomiño) e ao ebanista Fran Millán, de Frouma Atlantic Wood (Ribeira)
• Aitor Martínez —recentemente galardoado co Premio Talento Joven do Círculo Fortuny— resultou finalista no Premio Produto pola súa colección “Códigos del alma”
• Mentres, Fran Millán —gañador do Premio Artesanía de Galicia 2023— foi finalista do Premio Emprendemento polo seu traballo de creación de mobles con madeira de batea recuperada
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, estiveron hoxe en Madrid co gallo da entrega dos XVII Premios Nacionais de Artesanía
Infogauda / Madrid
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, estiveron hoxe en Madrid co gallo da entrega dos XVII Premios Nacionais de Artesanía, nos que que resultaron finalistas dous galegos. En concreto, o torneiro de madeira Aitor Martínez (Tomiño) competía na candidatura Produto, na que o gañador foi o ceramista Raúl Mouro (Asturias); e o ebanista Fran Millán, de Frouma Atlantic Wood (Ribeira), optaba ao premio Emprendemento, que recaeu no proxecto Mutur Belzt (Biscaia).
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Con eles búscase contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán. Constan de cinco categorías, tres delas para proxectos de artesáns —Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento— e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.
Finalistas galegos
Aitor Martínez forma parte de Artesanía de Galicia dende o ano 2022, ano no que resultou tamén finalista nos Premios Nacionais de Artesanía na categoría Emprendemento. Agora competía na categoría Produto, coa súa colección “Códigos del Alma”. En maio deste 2024, Martínez recibiu o Premio Joven Promesa na III edición dos Premios Maestro Artesano impulsados polo Círculo Fortuny, en recoñecemento ao seu talento, e o pasado 10 de decembro resultou finalista do Premio Artesanía de Galicia 2024, coa súa obra “JU”. O seu traballo baséase na utilización da materia prima sustentable e coa trazabilidade documentada a través da ferramenta Fortra coa idea de poñer en valor a orixe e a materia da que se dispón no territorio.
Por outra banda, o ebanista Fran Millán optaba ao Premio Emprendemento polo seu proxecto de creación de mobiliario artesanal con madeira de batea recuperada das rías galegas despois de máis de 20 anos no mar. Millán é un dos novos talentos da marca Artesanía de Galicia da que forma parte dende o ano pasado e resultou gañador do Premio Artesanía de Galicia 2023 por “Noray”. Frouma é un proxecto no que se reivindican os oficios vinculados ao mar, a sustentabilidade e os produtos con identidade e alma galega. O seu lema é crear “mobles que nacen no mar” e o seu traballo baséase nun modelo de produción sustentable no que recicla, reutiliza e repara materiais xa existentes como a madeira das bateas ou as redes de pesca.
Cómpre engadir que o Premio Nacional de Artesanía foi para o mestre oleiro Miguel Ángel Torres Ferreras de La Rambla (Córdoba), o Premio Emprendemento para Laura Siles Ceballos, polo seu proxecto “Mutur Beltz” baseado na recuperación da la autóctona do val de Karrantza, e o Premio Produto para o ceramista Raúl Mouro, pola súa colección “Piel de Mouro”, que combina a artesanía tradicional co deseño contemporáneo. Tanto Mutur Beltz como Raúl Mouro foron dous dos relatores participantes nas Xornadas Tecendo futuros. Prácticas téxtiles contemporáneas e Novas artesanías para novas ecoloxías respectivamente, impulsadas pola Fundación Artesanía de Galicia no Espazo Vilaseco, en Chantada.
Mentres, os dous premios Promociona foron para a Empresa Pública de Promoción del Turismo y la Artesanía de Castilla-La Mancha polo seu proxecto “Legado Artesano”, que recibiu o galardón para Entidades Públicas, e para a Escuela de Herreros Ramón Recuero S.L., na categoría Promociona para Entidades Públicas.
Premiados en edicións anteriores
O sector artesán galego adoita contar con representación entre os finalistas e gañadores dos Premios Nacionais de Artesanía, especialmente nos últimos anos. Nestas 17 edicións dos Premios Nacionais de Artesanía o sector artesán galego obtivo o Premio Nacional de Artesanía en tres ocasións —Álvaro M. Leiro no 2023, Elena Ferro no 2019 e o Obradoiro de Gaitas Seivane no 2013— e conta con gañadores e finalistas nas diferentes categorías entre as que se atopan tres galardóns para a Fundación Artesanía de Galicia. En total, o sector artesán galego acadou 17 galardóns e 27 candidaturas resultaron finalistas nas diferentes edicións destes Premios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario