17 de dec. de 2024

O ROSAL E TOMIÑO

Unha vintena de persoas emprenden novas oportunidades laborais co obradoiro de emprego do Rosal e Tomiño ‘O noso patrimonio’   

 As alcaldesas Ánxela Fernández Callís e Sandra González asistiron á primeira xornada desta formación remunerada en albanelería e carpintaría  


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a de Tomiño, Sandra González, quixeron acompañar ao alumnado nos primeiros días de formación e animaron a todas e todos os participantes
Foto: C.T.

Infogauda / O Rosal e Tomiño

 Mellorar a vida das persoas ao tempo que se recupera a memoria e o legado do territorio. Con ese obxectivo botou a andar o  Obradoiro de Emprego Roteiros etnográficos O Rosal – Tomiño, ‘O noso patrimonio’, un proxecto formativo remunerado posto en marcha por ambos concellos en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal que xa está a formar a 20 persoas desempregadas en traballos relacionados  coa recuperación patrimonial a través da carpintaría e da albanelería.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a de Tomiño, Sandra González, quixeron acompañar ao alumnado nos primeiros días de formación e animaron a todas e todos os participantes a aproveitar a oportunidade e desfrutar das máis de 1.200 horas de formación teórica e práctica que lles agardan. 

 “Este obradoiro é unha aposta clara pola nosa riqueza patrimonial e polas persoas, xerando oportunidades laborais no rural a través dunha formación que non só é moi completa, senón que tamén é remunerada, o que supón un apoio esencial para as persoas participantes na procura de novas oportunidades de emprego, mellorando as habilidades da nosa veciñanza para acceder ao mercado laboral”, destacaron ambas rexedoras.  

 Tamén quixeron facer fincapé na importancia “de achegar ao alumnado a oficios de sectores estratéxicos cunha alta demanda laboral na contorna, o que nos permitirá ademais fomentar a economía local nos nosos concellos”. Ademais, durante o encontro co alumnado puxeron en valor a importancia da colaboración entre os dous concellos para poñer en marcha proxectos “que xa sabemos que dan os seus froitos e que están avalados por experiencias anteriores como o Agroemprega, que rematou cunha alta taxa de inserción laboral do máis dun cento de persoas participantes”. 

 Durante os próximos nove meses, o centro de formación da Mata centrará a formación teórica dos 12 alumnos e alumnas de albanelería e dos 8 de carpintaría de madeira, que estarán titorizadas por persoal especializado. Ao remate da parte teórica, o alumnado realizará prácticas en diferentes lugares de interese patrimonial dos dous concellos. Deste xeito, levaranse a cabo actuacións nos muíños do Folón e do Picón e no Camiño de San Vicente, Cruz da Portela e Portecelo, no Rosal; mentres que en Tomiño centraranse en diferentes elementos patrimoniais situados en Goián, como o muíño da Regueira, o lavadoiro do Marco, o muíño e fonte do Pedro, o lavadoiro do Regatiño ou o cruceiro da Soidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario