Os Bolechas visitan o Clínico de Santiago xunto a Orpagu para achegar o mundo da pesca aos nenos hospitalizados
• Joaquín Cadilla e Hugo Lage, da organización pesqueira guardesa, contestaron a todas as preguntas dos pequenos sobre a vida a bordo dun barco do palangre
• Os Bolechas achegáronse ás habitacións para saudar aos nenos e nenas ingresados no Clínico de Santiago
Os Bolechas protagonizaron unha entrañable visita ao á pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago
Mar Bermúdez / Santiago de Compostela
Os coñecidos personaxes de Os Bolechas, populares polo seu labor educativo e lúdico, protagonizaron unha entrañable visita ao á pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago. A actividade, organizada por Orpagu (Organización de Palangreiros Guardeses) en colaboración coa Obra Social Pediatría do hospital, co obxectivo de achegar o mundo da pesca aos máis pequenos dunha forma entretida e divertida.
Durante a xornada, o presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla, xunto a Juana Parada e Hugo Lage, representantes da organización, explicaron aos pequenos as tradicións pesqueiras da Guarda, como é a vida a bordo dun barco e o papel que desempeña a frota palangreira guardesa dentro do sector pesqueiro internacional. Como parte da actividade, mostraron unha lona coa imaxe dun peixe espada a escala real, permitindo aos nenos apreciar as dimensións desta especie.
Ademais, os pequenos recibiron un exemplar do libro de Os Bolechas dedicado á pesca, que explica de maneira sinxela e accesible os labores do sector e a súa importancia para a economía e a cultura galega. Este libro, con ilustracións coloridas e unha linguaxe adaptada, busca fomentar a curiosidade e o respecto polo mar e os seus recursos naturais.
A visita tamén incluíu momentos de interacción e xogos, nos que os personaxes de Os Bolechas compartiron risas e alegría cos nenos hospitalizados, brindándolles un respiro no seu día a día. “Desde Orpagu estamos encantados de poder achegar o noso traballo aos nenos dunha maneira tan especial. Queremos mostrarlles como a pesca forma parte da nosa identidade e como coidamos o mar para que siga sendo fonte de vida para as futuras xeracións”, destacou Joaquín Cadilla, presidente da organización.
Con esta iniciativa, os armadores de pesca guardeses reforzan o seu compromiso coa divulgación e a sensibilización sobre o valor da pesca sostible, así como a súa implicación coa comunidade, especialmente cos menores porque “representan o futuro do coidado do medio mariño e das tradicións pesqueiras galegas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario