O presidente da Xunta participou na entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2024
• Rueda destaca o sector da artesanía coma garante da identidade galega e embaixador da marca Galicia por todo o mundo
• Asegura que os preto de 800 obradoiros que hai na comunidade representan “a Galicia potente que ten que estar no mundo, pero sen renunciar as súas raíces”
Infogauda / Santiago de Compostela
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá o papel da artesanía coma garante da identidade e cultura galega e como “embaixadora da marca Galicia” polo mundo.
Durante a gala de entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2024, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente salientou “o enorme potencial dos artesáns galegos” e fixo fincapé en que se trata dun sector que representa “a Galicia potente que ten que estar no mundo, pero sen perder as súas raíces”.
A comunidade conta con preto de 800 obradoiros que axudan a dinamizar a economía e fixar poboación no rural galego. Por iso, a Xunta leva anos apoiando a este sector. Galicia foi a primeira comunidade en contar cun selo propio -Artesanía de Galicia- que desde os anos noventa promove e difunde o labor dos artesáns galegos. Os orzamentos de 2025 reservan 1,2 millóns de euros para a Fundación Artesanía de Galicia, o que supón un incremento do 14%.
Ademais, a Xunta ten en marcha diferentes iniciativas para garantir a remuda xeracional no sector da artesanía. Entre elas destaca o programa Aprender da tradición, unha iniciativa pioneira que se puxo en marcha no 2023 e que vai ser ampliada no vindeiro ano. Un programa que busca mellorar a formación dos traballadores de obradoiros e captar novos talentos para este eido a través de cursos específicos para oficios coma a forxa, a sombreirería, a xastrería, a ourivería ou a olería.
O Goberno autonómico tamén destinará o vindeiro ano 265.000 euros a axudas para fomentar a comercialización das pezas de artesanía feitas na comunidade. E ademais reforzará o apoio a este sector a través de medidas para dinamizar o pequeno comercio como o Bono Activa Comercio que acaba de ampliar a sexta edición con outros 2,5 millóns de euros- ou o Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 que está previsto aprobarse no primeiro trimestre do vindeiro ano e que busca impulsar a competitividade, modernización e dixitalización dos máis de 24.000 comercios polo miúdo que hai en Galicia.
Galardoados 2024
A obra gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024 foi #PERIFERIA01, de Julia de la Cal Rodríguez, do obradoiro artesanal La Parabólica (O Porriño, Pontevedra). Na mesma categoría resultaron finalistas as pezas JU, do autor Aitor Martínez López de Arbina, do obradoiro artesanal Aitor (Tomiño, Pontevedra) e Culeiros, de Santiago Besteiro García, do obradoiro artesanal Santiago Besteiro Design (Monterroso, Lugo).
Albino Quinteiro Mora, artesán vigués especializado no téxtil e cunha longa traxectoria como investigador, docente e divulgador dos oficios tradicionais, foi recoñecido con Premio Traxectoria.
As tres bolsas Eloy Gesto 2024 foron para Carla Souto (A Coruña), Mónica Bastón, do obradoiro Leónlagata (Sanxenxo, Pontevedra) e Santiago Besteiro (Monterroso, Lugo).
Ningún comentario:
Publicar un comentario