10 de dec. de 2024

CULTURA

A Deputación organiza en Cerdedo-Cotobade un simposio arredor da figura da escritora Nélida Piñón 

Jorge Cubela, deputado de Cultura: “Para nós a cultura é unha aposta prioritaria, tanto investindo recursos para espallar actividades culturais, como impulsando iniciativas para difundir o legado de creadores como Nélida Piñón, que foi quen de referenciar a provincia por todo o mundo” 


Jorge Cubela, deputado de Cultura, e tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 Dous anos despois do seu pasamento, a Deputación de Pontevedra organiza este domingo 15 de decembro un simposio arredor da figura de Nélida Piñón en Cerdedo-Cotobade. “Nélida Piñón. A mestizaxe dos soños e do corazón” celebrarase no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo, a partir das 11:30 horas. O deputado de Cultura e tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, remarcou que “para nós a cultura é unha aposta prioritaria, tanto investindo recursos para espallar actividades culturais, como impulsando iniciativas para difundir o legado de creadores como Nélida Piñón, que foi quen de referenciar a provincia por todo o mundo”.  

 “Nélida Piñón. A mestizaxe dos soños e do corazón” terá lugar ata as 13:00 horas do vindeiro domingo e estará moderado pola xornalista Susana Pedreira. Contará coa participación de Antonio Maura, Mª Ascensión Rivas e Ramón Villares, ademais da actuación da pianista Andrea García, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do correo electrónico participa.cultura@depo.gal.  

 O simposio é unha síntese dos temas e títulos máis destacados da traxectoria literaria de Nélida Piñón, brasileira con orixes en Cerdedo-Cotobade, de onde é filla adoptiva. Ergueuse sempre como firme defensora da mestizaxe, onde a memoria se mestura coa fantasía. “A república dos soños” é a súa obra máis recoñecida e “A épica do coraçâo”, unha das súas obras de ensaio, foi tamén o discurso que pronunciou na recepción como académica de honra na Real Academia Galega. Piñón representou a mestizaxe de culturas, conxugando na súa obra a parte espiritual e imaxinativa coa máis terreal. O seu pasado familiar foi clave na conformación dunha autora que sempre reivindicou a súa condición de galega e a lingua dos seus devanceiros, e mantivo unha relación coa provincia de Pontevedra ao vivir dos dez aos doce anos en Cotobade.  

 Antonio Maura é escritor e crítico literario especializado na literatura brasileira, socio académico corresponsal da Academia Brasileira das Letras, ex-director do Instituto Cervantes en Río de Xaneiro e asesor literario de institucións dedicadas aos estudos brasileiros como a Fundación Cultural Hispano-Brasileña. Foi director da Casa de Cultura Hispánica en Fortaleza (Brasil) e ten participado e realizado numerosas conferencias, entrevistas e publicacións sobre Nélida Piñón.  

 Mª Ascensión Rivas Hernández é catedrática de Teoría da literatura e Literatura comparada da Universidade de Salamanca. Publica artigos e críticas literarias en El Cultural, e é autora da edición da USAL “Nélida Piñón en la república de los sueños”.  

 Ramón Villares é catedrático emérito de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi reitor. Foi tamén presidente do Consello da Cultura Galega e na actualidade coordina a sección de Historia da Real Academia Galega. Pronunciou o discurso de resposta ao pronunciado por Nélida Piñón no acto da súa recepción como académica de honra na Real Academia Galega en 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario